Deputación de Lugo

Antonio Gato asegura que a decisión do Pleno de Chantada sobre o canon non modifica a postura mantida pola Deputación

Gato Soengas destacou o cambio que se produce co pago da débeda

O Deputado da Área de Cooperación cos Concellos e voceiro provincia do PSOE, Antonio Gato Soengas, amosou a satisfacción da Deputación polo acordo producido no Goberno de Chantada coa aprobación do convenio do canon enerxético. Para Gato Soengas, o acordo da Corporación municipal non supón ningunha modificación na postura inicial manifestada polo equipo de goberno. “Desde a Deputación xa manifestamos que é competencia do organismo provincial realizar o plan plurianual de obras que van supoñer un ingreso para o Concello de Chantada de preto de 6 millóns de euros. O acordo ó que chegaron onte non cambia a postura que mantivemos desde o incio”, destacou o voceiro provincial socialista. O pago da débeda do canon enerxético de Chantada exemplifica a nova forma de entender os intereses da provincia pola Deputación de Lugo. Neste sesno, Gato Soengas explicou que “o que hai que valorar é o cambio que se produce co cumprimento de Chantada, xa que non podemos esquecer que era a anterior Deputación a que viña retrasando o cumprimento de sentenzas xudiciais que perxudicaban ó Concello e ós veciños e ás veciñas do municipio”. Antonio Gato engadiu que os presupostos de 2008 contemplan unha partida para satisfacer o pago do canon enerxético de Chantada, “unha das débedas pendentes que marca o cambio de estilo dos intereses da provincia que se aceptou co novo goberno”. “Traballando nos presupostos” O voceiro provincial socialista asegurou que o retraso que está a sofrir a aprobación dos presupostos queda xustificado no novo modelo de xestión política que puxo en marcha o novo equipo de goberno da Deputación. Gato Soengas, quen matizou que esta situación no paraliza a Deputación, indicou que “antes había un só centro de gastos e agora existe un novo modelo con competencias delegadas, polo que todos temos gañas de que estas novas Áreas aporten á confección dos presupostos novas inversións. É dicir, estamos nun momento de encaixe entre os recursos que dispoñemos e as propostas presentadas desde os novos centros de gasto”. O Deputado de Cooperación cos Concellos recoñeceu o esforzo do dos servizos económicos que están traballando na configuración dos orzamentos ó tempo que subliñou que estes estarán proximamente a disposición do Pleno para o seu estudo e debate. Acordos Xunta de Goberno A Xunta de Goberno aprobou, fora da orde do día, por un importe de 11.500 euros a adxudicación do contrato para a realización dos traballos de análise para determinar o método de implantación e integración das novas tecnoloxías da información e da comunicación entre a Deputación e os Concellos da provincia á empresa Shylex Telecomunicacións S.L. Asimesmo aprobáronse os plans de seguridade e saúde no traballo relativos a obras nos Concellos do Saviñao e Becerreá, así como o correspondente á tala dos tres cedros xapónicos do Pazo de San Marcos. O proxecto conta cun orzamento de 6.500 euros e un prazo de execución dunha semana. Neste senso, Gato Soengas explicou que o motivo da tala das árbores “débese a motivos de seguridade tanto para viandantes como para os vehículos que transitan pola rúa San Marcos, polo que nos vindeiros días a empresa procederá ó seu derrube”. A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases do convenio de prestación do servizo a subscribir entre a Deputación e Caixa Galicia en materia de recadación voluntaria e executiva dos ingresos de dereito público dos que o organismo provincial ten encomendado a xestión da recadación, así como o cambio de unidades de obra contidas no proxectos orixinais de urbanización do polígono de Chousa de Villaodriz, na Pontenova, e de abastecemento de agua a Cortés, no Concello de Paradela. Os dous proxectos inclúense dentro do POL 2005 e do POS 2006, respectivamente.