Deputación de Lugo

A Deputación inviste máis de 7 millóns de euros no Campus universitario 2015

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial expropiará 37.000 metros cadrados entre as Avenidas de Madrid e Pablo Iglesias para acoller un centro singular de investigación, un viveiro de empresas, a nova Escola de Enxeñería Civil e un polideportivo

O Presidente subliña a “relación intelixente entre a Deputación, Universidade, e Concello dende hai 26 anos” , e que hoxe acada un novo fito co maior investimento da Deputación desde a creación do Campus: o deseño do Campus 2015, máis de 1.000 millóns das antigas pesetas. Gómez Besteiro destaca que “a nosa obsesión e xerar riqueza a través do coñecemento e a investigación” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentaron este venres o deseño do Campus lugués 2015, no que está volcado o organismo provincial. A Deputación investirá neste proxecto máis de 7 millóns de euros, é dicir, supera os 1.000 millóns das antigas pesetas. Gómez Besteiro fixo fincapé “na relación intelixente entre a Deputación, a Universidade, e o Concello dende hai 26 anos”. Asimesmo, subliñou o traballo dos seus predecesores na Presidencia da Deputación que permitiu poñer en marcha, por exemplo a Facultade de Veterinaria. Esta relación acada hoxe un novo fito co maior investimento feito pola Deputación desde a creación do Campus: o deseño do Campus 2015. O titular do organismo provincial destacou que “a nosa obsesión e xerar riqueza a través da investigación”. A Deputación expropiará 37.161 metros cadrados, unha superficie semellante a 3 campos de fútbol como o do Anxo Carro. O proceso expropiatorio supón un custe para o organismo provincial de 4.645.125 euros e afecta a 3 zonas, nas que se situarán os seguintes servizos: 1ª) A comprendida entre a Avenida Bernardino Pardo Ouro e a Avenida Pablo Iglesias, onde se atopa Autovión. A superficie a expropiar neste caso é de 13.633 metros cadrados, e estará destinada ó sector servizos, e ós usos terciarios. 2ª) A superficie situada entre a Avenida Pablo Iglesias e a rúa das Pedreiras, de 11.756 metros cadrados. Esta zona acollerá un centro de investigación, onde se instalará un viveiro de empresas e se levarán a cabo accións de investigación empresarial, e a Escola de Enxeñería Civil que construirán Deputación e Universidade. Gómez Besteiro destacou que “o novo Campus será a faciana sur da cidade”. O organismo provincial adxudicou o proxecto no mes de outubro á empresa lucense PO2 Arquitectos. Custará 4 millóns de euros, que serán financiados ó 50% pola institución provincial e a USC. O proxecto básico está rematado e foi entregado. A construción finalizará no 2011. 3ª) A última zona por expropiar é a comprendida entre a rúa das Pedreiras e a nova rotonda, de 11.772 metros cadrados, onde se construirá un polideportivo. Máis Campus 2015 Outro dos proxectos que enriquecerá o Campus de 2015 e no que as dúas institucións están inmersos é a Estación de Bioloxía do Courel. Tendo en conta que o medio ambiente é unha oportunidade económica para a Deputación, esta construirá nesa instalación unha Aula da Natureza, aberta antes do verán. Ó caron do Campus a Deputación tiña unha parcela de 1.746 metros cadrados. “Puxémola á venda e adxudicámola provisionalmente por valor de 191.200 euros a unha empresa do eido da biomedicina, a Laboratorio CIFGA. Deste xeito, contribuímos ó desenvolvemento tecnolóxico do Campus e favorecemos a creación de novos postos de traballo para titulados universitarios”, apuntou Besteiro. En decembro foi aprobado o convenio entre Deputación e Universidade para a urbanización do edificio “A Granxa”, que será a futura sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER). A subvención concedida polo organismo provincial á USC ascende a 205.057 euros. Ademais o primeiro centro público de recría de España que a Deputación está a ultimar na Granxa Gayoso Castro, cun investimento de 10 millóns de euros, estará estreitamente vinculado ó Campus e marcado polo seu caracter innovador.