Deputación de Lugo

O presidente da Deputación participou na despida
do pobo de Ribadeo a Leopoldo
Calvo Sotelo

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro loubou a traxectoria e a persoa do ex presidente

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este luns na sentida homenaxe que lle brindou o pobo de Ribadeo ó ex presidente do goberno de España, Leopoldo Clavo Sotelo. O máximo mandatario provincial asistiu ás tres da tarde ós actos insitucionais nos que foron recibidos os restos mortais de Calvo Sotelo, no Concello de Ribadeo. En represtación da Corporación Provincial, Gómez Besteiro, cualificou de “home de Estado” ó que foi Presidente do Goberno. “É difícil facer unha valoración sinxela que poida resumir a forte personalidade do que foi Leopoldo Calvo Sotelo. Pero, sen lugar a dúbidas, foi un home de Estado, un home que quería moitísimo a esta provincia e ó seu Ribadeo que levaba moi dentro. Por iso o último adeús quixo darllo ó pobo ribadense”. O Presidente da Deputación coincidiu co actual Presidente da Nación, José Luis Rodríguez Zapatero, na definición de Calvo Sotelo: “o Presidente do Goberno definiuno perfectamente cando o cualificou como un home de Estado. Dicir iso dun político é dicir moito e dunha persoa creo que tamén, xa que está marcando o seu compromiso vital”. Para o Presidente da Deputación, ó marxe das siglas e dos partidos políticos o importante era representar á institución nunha homenaxe tan emotiva coma a do día de hoxe. “Hoxe queriamos estar coa súa familia, que é con quen debemos estar nun día como este. Queriamos levarnos un recordo sempre presente dun home que foi bo e xeneroso con este país, con esta localidade e, por suposto, con esta provincia”. A Deputación de Lugo decretou tres días de loito oficial ata as 24:00 horas do martes, 6 de maio. Ata esta hora ondearán a media asta as tres bandeiras: española, galega e provincial. Ademais, Gómez Besteiro, fíxolle entrega á familia dunha coroa en representación da Corporación Provincial.