Deputación de Lugo

Museos sen límites para persoas con capacidades diferentes

Especialistas en accesibilidade e museografía de todo o estado participaron nesta xornada organizada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo.

LUGO, 30 DE NOVEMBRO. Dentro dos actos organizados polo Museo de Lugo, co gallo do DÍA MUNDIAL DA DISCAPACIDADE, que se celebra o vindeiro 3 de decembro, o venres 30 de novembro celebrouse unha xornada dirixida a mellorar algúns aspectos da formulación museográfica para que os museos sexan accesibles a todas as persoas. Esta xornada tivo por título CAPACIDADES DIFERENTES. MUSEOS SEN LÍMITES e foi organizada pola rede museítica provincial, dependente da Área de Cultura da Deputación. A xornada foi inaugurada polo vicepresidente da deputación Antón Bao ás 10:00 horas e durante todo o día desenrolouse un denso programa no que participaron especialistas de recoñecido prestixio no eido da accesibilidade e da museografía como Marta Miró i García, ex- técnico de Divulgación de Museos, Miguel Moreno, coordinador do Museo Tifolóxico da Once ou Margarita Belinchón García, directora do Museo de Ciencias Naturais de Valencia. Ás 20:00 horas celebrouse o acto de clausura das xornadas no que nacionalista Antonio Veiga, como responsable da Área de Cultura, valorou o éxito da xornada agradecendo aos asistentes a súa participación. Segundo Veiga “dende o goberno da Deputación agardamos que esta xornada de traballo servise para abrir camiños de interrelación e reflexión entre a sociedade e os colectivos de discapacitados , que foron os verdadeiros protagonistas das xornadas”. Segundo o responsable da Área de Cultura, Antonio Veiga, “dende a Deputación queremos darlle voz a aqueles que históricamente a tiñan negada e facer visibles as reivindicacións dos colectivos de persoas con capacidades diferentes”, Veiga exemplificou o contido destas palabras referíndose á recente instalación dunha rampa e dun elevador eléctrico para facilitar o acceso ao Museo de Lugo. Este sistema de acceso instalouse, de xeito provisional, para que todas as persoas poidan acceder ao edificio á espera de artellar unha solución definitiva á accesibilidade do museo.