Deputación de Lugo

A Deputación anticipará 9,5 millóns de euros ós Concellos que xa se sumaron ó novo Servizo de Recadación

O Presidente da Deputación asinou os convenios de adhesión de sete novos Concellos

Os Concellos de Abadín, Antas de Ulla, A Fonsagrada, Láncara, Paradela, Pedradita do Cebreiro e A Pontenova veñen de sumarse ó novo Sistema Provincial de Recadación. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e os rexedores destes municipios, agás os de Antas de Ulla e Pedrafita, que excusaron a súa presencia, asinaron este mércores os respectivos convenios. O máximo responsable da institución provincial destacou que con estas novas incorporacións xa son 43 Concellos os que delegaron a recadación dos seus tributos. “Pouco a pouco imos ir convencendo ó resto de que e o novo sistema lles sae máis barato, e de que poden destinar estes cartos a cubrir outras necesidades, que son moitas”, apuntou Gómez Besteiro. O Presidente provincial dixo que a Deputación anticipará cada ano 9,5 millóns de euros ós Concellos que xa participan do Servizo e asegurou que “a experiencia esta a ser existosa”. Os primeiros municipios que asinaron o convenio xa recibiron os anticipos dos tres primeiros meses do ano. Xunto ás entidades que se sumaron hoxe, os anticipos correspondentes ó primeiro trimestre do ano rondan os 2,5 millóns de euros. “Esto supón para a Deputación un importante esforzo. Deixará de ter eses cartos nas súas contas, pero creo que están mellor en mans dos Concellos para que poidan disfrutalos”. Aforro coa nova taxa Por outra banda, o Presidente da Deputación dixo que outra das modificacións introducidas no Servizo, a rebaixa da taxa do 6% ó 4% , vai supoñer un aforro anual de 152.000 euros para os 43 Concellos adheridos. A Deputación non pode entrar en perdas, pero a súa función tampouco é a de ter ganancias con este Serivizo”. Gómez Besteiro animou ós Alcaldes presentes a que “alá onde vaian dean conta da bondade deste sistema na esperanza de que o resto dos Concellos se vaian sumando”. No acto de sinatura tamén participou o Deputado provincial de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas, que dixo que “o Servizo de Recadación é un instrumento fundamental para as economías locais . Os anticipos vailles permitir contar con liquidez”. Gato Soengas sinalou que coa delegación da recadación, os Concellos “aforran en personal, en gasto corrente, en patrimonio e tamén na taxa que estaba establecida. Volvemos insistir en que esta taxa do 4% pode rebaixarse sempre e cando se sumen máis Corporacións locais”. Por ise motivo fixo un chamamento a todos Alcaldes e apelou a sua solidariedade. Os que xa están Os Concellos que xa asinaron a delegación da recadación de tributros son os seguintes: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Carballedo, Castroverde, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Guntín, Láncara, Lourenzá, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Ourol, Palas de Rei, Paradela, Páramo, Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Ribadeo, Ribas do Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Quiroga, Samos, Rábade, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Vicedo, Xermade e Xove.