Deputación de Lugo

O responsable de Deportes presentou na Deputación o torneo de baloncesto linguas do camiño

Deporte e Cultura dánse cita neste encontro que reunirá a xogadores procedentes de distintas partes do estado español e de Europa.

Na fin de semana os participantes no torneo e os seus acompañantes terán a posibilidade de realizar actividades paralelas ó torneo. LUGO, 5 DE DECEMBRO. O Clube Estudiantes e a fundación BALOGAL presentaron esta mañá, no salón de actos da Deputación de Lugo, a segunda edición do torneo de baloncesto “As Linguas do Camiño”. Este é un torneo de carácter anual, no que están involucrados diferentes países polos que transcorre o Camiño de Santiago nas súas distintas rutas. Este acto contou coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, e do responsable da área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, o Concelleiro de Deportes do Excmo. Concello de Lugo, José Manuel Díaz Grandio e o Xefe do Servizo de Deportes de Xunta de Galicia, Eduardo Fernández Abel. No torneo estarán presentes equipos procedentes de diferentes paises e neles quedarán representadas diferentes culturas polas que transcorre o camiño, como son a francesa, catalá, vasca, castelá, portuguesa e, claro está, a galega. Os equipos serán encadrados en distintos grupos para poder chegar a conseguir, dese modo, unha maior competitividade e interese no campionato. A idea principal é conseguir a participación de oito equipos e o encontro de colexiados dos pobos convidados, dividindo os participantes en dous grupos e así conseguir unha maior repercusión para o torneo AS LINGUAS DO CAMIÑO. Na presentación do acto o vicepresidente primeiro, Antón Bao, sinalou a importancia de ligar Deporte e Cultura. Este tipo de encontros constitúen un lugar de encontro e de intercambio cultural entre os participantes que convivirán en Lugo durante catro días. Para os rapaces que forman parte dos equipos o torneo será algo máis que unha simple competición deportiva. Este torneo celebrouse no Pazo Provincial de Deportes de Lugo os días 6, 7, 8 e 9 de decembro. O feito de organizar o torneo coincidindo coa ponte da constitución posibilita que moitos dos participantes e as súas familias se poidan achegar ata a cidade e descubrir os atractivos turísticos da capital lucense. Tanto o concelleiro de deportes do concello de Lugo José Manuel Díaz Grandio como o responsable da área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga coincidiron en sinalar o avance que supón para o deporte lugués o feito de que ambas institucións e a Xunta de Galicia colaboren neste tipo de iniciativas. Segundo Antonio Veiga a partir de agora “a Deputación será o lugar onde tódolos clubes e entidades deportivas atoparán as portas abertas, sen exclusións de ningún tipo, para a organización e apoio ás actividades deportivas que organicen”. ACTIVIDADES PARALELAS NA FIN DE SEMANA Ademáis do torneo deportivo na fin de semana deportistas e acompañantes terán a posibilidade de participar actividades paralelas. Ademais da posibilidade de realizar un tramo da ruta do camiño primitivo no concello de Sarria o sábado pola noitiña haberá no hotel Mendez Núñez, da capital lucense, unha mesa redonda. Esta mesa redonda terá como obxectivo debater e analizar a estrutura dos proxectos deportivos e os modelos formativos dos distintos clubes participantes, servirá tamén para intercambiar coñecementos sobre os xeitos de traballar en cada país.