Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo presentou o programa dos cursos de cestería 2008

34 cursos forman o programa desta edición que conta con preto de

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, presentou este xoves a programación dos cursos de cestería que imparte o Centro de Artesanía e Deseño no Centro de Cestería do río Rato. 34 cursos, dez máis que no ano 2007, conforman a programación deste ano que se divide en cursos de cestería tradicional galega, cestería tradicional española, cestería tradicional europea, de innovación e cestería de verán, polo que tal e como explicou Lara Méndez, “trátase dunha programación moi diversa e variada, xa que non se repite practicamente ningún. O que se presende é seguir innovando e aplicando novas técnicas”. O incremento do número de cursos débese a que “a demanda nas edicións anteriores foi elevada”. A Vicepresidenta Segunda indicou que en 2007 houbo 318 solicitudes e só se puido dar cobertura a 214 alumnos, “de aí que para que os cursos sexan prácticos e viables decidiuse aumentar o número de prazas”. Cunha duración de 959 horas, 295 máis que na edición anterior, e 296 prazas en total, 82 máis que no ano 2007, estes cursos “permiten recopilar as técnicas tradicionais de cestería da provincia de Lugo e doutros puntos de Galicia e mesmo de España para logo dalas a coñecer, conseguindo así que a tradición e os oficios máis antigos non desaparezan e permanezan no tempo”, indicou Lara Méndez. Teñen unha capacidade para dez alumnos como máximo e están dirixidos a cesteiros, profesionais do sector e ó público en xeral. Os máis pequenos tamén terán cabida nestes cursos. Será na programación de verán. O único requisito que se pide é que sexan maiores de 8 anos. Unha das particularidades que destacan da programación é o curso de cestería de palla sobre cartón. Enmarcado dentro do grupo de cestería tradicional galega, é impartido por Dolores González, “a única cesteira en toda Galicia que continúa con esta modalidade”. Docentes de Galicia e de España amosarán as súas técnicas ós alumnos. O andaluz Antonio Rodríguez -impartirá o curso de cestería andaluza de palmeira nana, “unha técnica que este cesteiro gaditano recuperou do seu avó e na que se emprega o palmito, un dos materiais máis típicos da zona sur de España”-, Alexandra Marks -elabora cestos segundo a técnica propia da zona central de Francia empregando como material o vimbio-, ou Lois Walpole –que amosará as súas creacións baseadas na cestería de reciclaxe-. Os cursos impartiranse no Centro de Cestería do río Rato, “a mellor escola de cestería de España e de Europa, que ademais conta cun entorno privilexiado que contribúe a que este oficio teña continuidade”. O custe da matrícula vai desde o 15 ós 40 euros. A inscripción pódese realizar ata 2 días antes do comezo do curso. O proceso de selección establecerase en función da orde de inscripción. O curso de plantación, poda e talla de vimbio, será o primeiro que abra a programación. Desde o 29 de xaneiro ata o 1 de febreiro, o docente Carlos Fontales será o encargado de impartir esta modalidade.