Deputación de Lugo

O Vicepresidente Primeiroda Deputación, Antón Bao, recibiu na Deputación ao Vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto

A Deputación apoiará as actuacións da USC en materia cultural e deportiva

O Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, mantivo esta semana unha xuntanza institucional co Vicerreitor da Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto. Neste encontro Lourenzo F. Prieto e o Vicepresidente Primeiro da Deputación coincidiron no interese de manter unha intensa colaboración entre a USC e a Deputación de Lugo. Esta colaboración materializarase no apoio que a Deputación prestará a diferentes iniciativas da USC en materia de cultura, deporte, infraestruturas, ensino e mocidade. Bao analizou co Vicerreitor da Relacións Institucionais da USC as relacións existentes entre ámbalas dúas institucións e os proxectos de futuro que ambas entidades terán que afrontar. Un dos temas que centrou o encontro foi o futuro do Campus de Lugo de cara á adaptación das titulacións ao espazo europeo. Na xuntanza tamén se valorou a implantación en Lugo do Centro Asociado da UNED que comezará a impartir estudos no próximo mes de setembro. Tanto Bao como Fernández Prieto coincidiron na necesidade de coordinación entre este centro e a USC para definir as titulacións de xeito complementario.