Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación anuncia unha liña de axudas do INLUDES para as PEMES

Gómez Besteiro participou no acto de entrega do Primeiro Premio Xoven Empresario de Lugo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou no acto de entrega do Primeiro Premio Xoven Empresario de Lugo (AJE), que recaeu en César Porto Arias, de Recalvi Lugo. Gómez Besteiro anunciou na súa intervención que os presupostos do INLUDES, instituto dependente da Deputación, incluirán unha partida orzamentaria na que se habilitará unha liña de axudas destinada ás PEMES. Ademais, o titular da institución provincial amosou a súa satisfacción porque o proxecto presentado ó Ministerio de Admnistracións Públicas para a xeración de emprego conseguiu case tres millóns de euros. INTEVENCIÓN DO PRESIDENTE Alcalde, Conselleiro, Presidente de AJE, Delegado, Autoridades, moi boas noites: Hoxe estamos aquí para destacar o traballo dos que empezan: as persoas emprendedoras. Nós, facendo un símil coa Deputación de Lugo… sabemos moi ben o que é emprender un novo proxecto, a ilusión e tamén as dificultades que vai superando un polo camiño. Por iso, antes de nada quero dar a noraboa ás persoas premiadas polo seu éxito e o do seu equipo. Na Deputación de Lugo somos conscientes do peso fundamental que teñen as pequenas e medianas empresas na economía da nosa provincia, e do esforzo titánico que supón crear unha nova empresa e, sobre todo, consolidala. Nós, como vós, hoxe estamos de noraboa e quero compartilo con vostedes. O noso proxecto provincial de xeración de emprego para esta provincia, presentado ó Ministerio de Administracións Públicas, conseguiu hoxe case 3 millóns de euros, o segundo de maior contía en Galicia. Investirémolo sobre todo en formación e en prácticas en empresas, o que redunda a favor de traballadores e empresarios. E quén sabe… por qué non nas empresas dos emprendedores que hoxe están aquí…? Estou seguro de que hoxe estamos diante de futuros grandes empresarios e empresarias. Pero na Deputación non nos conformamos. Hoxe tamén podo anunciarlles que nos presupostos do INLUDES deste ano incluirase unha partida orzamentaria para habilitar unha liña de axudas destinada ás PEMES. Debemos mimalas desde as administracións porque son as que xeran a maior parte dos postos de traballo e do Producto Interior Bruto da nosa provincia. Como todos vostedes saben, as ideas empresariais deben ser viables para garantir o seu futuro, e para isto, é necesario ter un coñecemento profundo do mercado. Desde o INLUDES, organismo da Deputación, imos redactar un estudo provincial exhaustivo dos xacementos de emprego nos distintos Concellos da provincia, así como dos sectores con máis proxección en cada zona e aqueles que están máis estancados. É necesario que un novo empresario de éxito, en definitiva, un visionario, saiba se pode ser competitivo. Non esquezan aquela frase de Walt Disney: “Se podes soñalo, podes logralo”. O dito: moitas grazas, e reitero a noraboa ós premiados!!