Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación, pregoiero do Nadal de Begonte 2007

Gómez Besteiro a tradición belenística do concello begontino

Queridas amigas e amigos, veciños, señoras e señores: Quero comezar, necesariamente, expresándolles o meu agradecemento por brindarme a ocasión de ser o pregoeiro do Nadal de Begonte, un evento que conta tras de sí cunha longa traxectoria e un éxito de gran popularidade, iniciado alá polo ano 1972 cando o párroco Don José Domínguez decidiu tomar as rendas deste proxecto tan consolidado hoxe en día. Ademais quero confesarlles que están vostedes diante dun namorado do Nadal, do Belén que poño desde pequeno na miña casa... e agora cos meus pequenos, dos pastores -que eran as miñas figuras preferidas-, das reunións coa familia, da Noiteboa... por todo isto, quero amosar a miña dobre satisfacción por poder estar hoxe aquí. Quero destacar que son máis de 40.000 persoas as que visitan o Belén de Begonte cada ano. Xentes de toda Galicia “peregrinan” ata este Concello chairego, situado a 20 quilómetros de Lugo, convertíndoo na capital do Nadal de Galicia. Pero o tema de capitalidade xa o recollía o poeta Manuel María cando nos seus versos dicía: “Begonte, capitalidade por xeografía e alma”. O certo é que se pode dicir, e así o penso, que o Belén de Begonte é un dos máis famosos e fermosos de toda Galicia e atrévome a dicir que de toda España. En pouco máis de tres décadas vostedes conseguiron facer de Begonte un faro chairego que aluma o Nadal galego. Por iso, a ninguén lle debe extrañar que o poeta de Santalla de Lóuzara, Fiz Vergara Vilariño, se referise a Begonte como a “Galilea máis galega e máis fermosa”. Como pregoeiro deste ano, hónrame formar parte desa gran familia que, neste día, se dirixiron a todos vostedes do mesmo xeito que o estou a facer eu. Orixinalidade e naturalidade fusiónanse neste Portal que ten vida propia. Non hai máis que velo, as xentes de Galicia e os seus costumes están perfectamente reflictidas nas súas pezas: os labregos que cultivan as terras, os pastores que atenden ó gando, carpinteiros, pescadores… todo para representar unha escea que combina inocencia, técnica, fe e tradición. Pero o que máis me gusta é que nos representan a todos nós porque Begonte soubo recoller o mellor da nosa sociedade e plasmalo neste Belén. Tamén creo que o Belén recolle magnificamente o novo espíritu da Deputación que presido. Sumando esforzos, arrimando o hombro... todo o engranaxe funciona. É unha metáfora da nova provincia na que cremos e queremos implicalos a todos vostedes. Outro aspecto que non quero pasar por alto é o recoñecemento ó traballo feito. Con entusiasmo, adicación e moitas horas de sacrificio, ducias de persoas de Begonte, ano tras ano, traballan a reo porque cren que o Nadal segue sendo importante. Por todo isto, grazas a Begonte, podemos dicir que o Nadal na provincia de Lugo aínda é máis Nadal!!! Creo que hoxe podo afirmar que, co Belén de Begonte, a Terra Chá mesmo parece unha segunda Galilea! Amigas e amigos, permítanme que continúe na liña de recoñecemento ós que teñen que levar os méritos. Cónstame que o Belén de Begonte é todo un exemplo de superación e traballo... e senón que llo digan a Don José, que en Paz Descanse, inventor de todo canto hoxe vemos aquí. Dunha idea vista na Coruña e, logo de moitas horas de adicación, conseguiu que este Nacemento distinguise a Begonte como pobo, sen renunciar á tradición relixiosa e ó Misterio que emana destas figuras. Así o indicaba un precioso poema de Bernardo Vázquez Xil Lalo que hoxe quixen recuperar: “Facíanse os visitantes lenguas de goio en Begonte ó mirar en movemento todo aquel mundo de amores. É ninguén soubo o miragre que se producía na noite de Nadal: ¡que todo andaba sen funcionar os motores! Ben é certo que todos os belenes reproducen o nacemento de Xesús, pero o Nadal en Galicia e, particularmente na provincia de Lugo, está máis reforzado con este Portal grazas á iniciativa de Don José Domínguez Guizán, e agora continuada polo seu irmán e actual párroco: Don Jesús Domínguez Guizán. Hoxe fágolles un chamamento para que nunca morra este entusiasmo e paixón coa que os protagonistas comezaron alá pola década dos 70. Permítanme que volte á figura do seu fundador. Un home que se debía ós demais. Don José Domínguez Guizán non só converteu o Nadal de Begonte nun referente galego, senón que loitou polo desenvolvemento deste pobo, a concentración parcelaria, as reformas desta igrexa… en definitiva, destacou pola súa adicación e esforzo. Este home era incansable e non tiña límites. Así o definían os que tiveron a oportunidade de coñecelo. Viviu entregado a Deus, prescindindo de luxos e servindo ós necesitados, entón pregúntome: ¿hai mellor figura que encarne o espírito navideño?. Abofé que non. Pasaba frío, non chegou a conducir máis que un 127, tiña goteiras na súa casa… e agora un busto non demasiado lonxe de aquí rende homenaxe á súa persoa. Quero convidar a todos e a todas para que fagamos pousada en Begonte e contemplemos esta obra de arte. Nestas datas Begonte énchese de festa, lembra o nacemento de Xesús, todo cobra vida grazas ó labor dos que algún día traballaron e traballan para que hoxe todo funcione á perfección. Efectos sonoros en perfecta sintonía cos visuais, a noite, o día, treboadas, a lúa e mesmo o resplandor do sol…. iso é o Belén! Lamentablemente gozar do Nadal ten un cariz diferente para moitos. O Nadal é algo máis que intercambiar agasallos cada vez máis caros, seguindo as pautas consumistas establecidas. Algúns danse por satisfeitos ó empregar as palabras típicas e tópicas de “paz” e “felicidade” ó tempo que se desexarán un próspero aninovo sen crelo. Por todo isto, pídolles un chisquiño de reflexión para desfrutar destas datas ás que nos podemos referir desde un senso relixioso, profano e mesmo sociológico. Suxírolles que nos aproximemos á esencia do Nadal como o berce protector dunha nai na que, por riba de culturas, ideoloxías e crenzas, prevalece a esperanza e a paz. Fuxamos das prisas inútiles e deixémonos sorprender pola familia e os amigos. Begonte é un Belén onde a estrela segue anunciando ós homes que Deus nace de novo. Non fagamos un Belén de consumo rápido. Creo que non hai un modo mellor de rematar a miña intervención e contemplar o impresionante Belén que cos versos do poeta Fiz Vergara Vilariño: “A Begonte este ano iremos pra visitalo Belén; de Begonte voltaremos encheitos de paz e ben” DE TODO CORAZÓN... ¡¡BO NADAL A TODOS E A TODAS!!!