Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación pronunciou o pregón da Festa de Augardente de Portomarín

Gómez Besteiro foi investido cabaleiro da Orde Serenísima da Alquitara

Moi boas tardes a todas e todos!!! Querida amiga e Alcaldesa de Portomarín, Silvia Rodríguez, membros da Corporación Municipal, Autoridades, membros da Orde Serenísima da Alquitara, Damas, Cabaleiros, amigas e amigos: Imaxínense a un rapaz que corricaba por estas rúas, que se bañaba cos amigos na piscina municipal e que soñaba cando era cativo que algún día sería investido CABALEIRO, ¡¡cabaleiro como eses que se vían na televisión!!! Pois aquel cativo estalles falando neste momento e, por iso, hoxe é un día moi emocionante para min e para miña familia. Xa vén… ¡Os soños da infancia ás veces cúmprense! Ser nomeado Cabaleiro da Orde Serenísima da Alquitara é unha honra, pero permítanme que lles diga que esta distinción ten para min dobre valor porque parte das miñas raíces están en Portomarín. Aquí naceu meu pai e aquí vive parte da miña familia paterna. Hoxe é, por tanto, un día de especial ledicia para min e para a miña familia. POR TODO ISTO, QUERO EMPEZAR DICÍNDOLLES: GRAZAS, GRAZAS POR ESTE DÍA. É para min unha honra pasar hoxe a formar parte da Orde Serenísima da Alquitara e compartir con todos vostedes, e cos centos de persoas que se achegan ata Portomarín, o “Día da augardente”, a festa que exalta un dos produtos máis representativos da gastronomía lucense e galega. Como cada Domingo de Pascua, hoxe temos a oportunidade de ver como nace a augardente das alquitaras que destilan durante todo o día na praza do Concello. Como moitos de vostedes saberán, a alquitara é o método de destilación tradicional máis antigo. Portomarín soubo conservalo e potenciar a economía local con el. Teño que confesarlles que, desde pequeno, sempre me marabillou o difícil e lento arte de obter este licor, un proceso totalmente artesanal. Uns anos depois, cando xa fun mociño, xa tiven idade para probar o licor e despois, cando formei meu fogar, para ofrecerllo a todas esas visitas que non queren marchar de Lugo sen probar a famosa augardente. Pero este manxar non só gusta ós de Lugo e ós forasteiros. O gran escritor Álvaro Cunqueiro xa falaba da augardente de Portomarín: “De aquí – dicía Cunqueiro no seu libro “A cociña galega”- son moi boas augardentes, quizabes as máis poderosas de Galicia, moi tesas no seu secor. Eu diría que a súa fortaleza e terquedade véñenlles a estas augardentes de que as viñas nais están plantadas preto de onde foron os camposantos dos templarios e dos sanxoanistas, e acoden a elas, pola soterra, as cales dos ósos dos soberbios cabaleiros de antano”. Coa súa excelente prosa, Cunqueiro destacaba os manxares de Portomarín. Porque este pobo, co o seu augardente, a súa torta de ámendoas ou a súa empanada de anguías, ten un nome propio dentro da gastronomía de Galicia, pero tamén a súa historia o converte nun lugar singular… imos facer un pouco de memoria… En Portomarín, non debemos esquecelo, crúzanse o pai de todos os ríos galegos e o Camiño de Santiago. Sen estas dúas vías, unha fluvial e outra de peregrinación, é dicir, a auga e a pedra, non podería entenderse o pasado, o presente e mesmo o futuro de Galicia. Os romanos, eses grandes enxeñeiros que sabían moi ben o que facían e que non daban puntada sen fío, elixiron este lugar para construír unha ponte. Pero non era unha ponte calquera, senón a única, xunto coas de Lugo e Ourense, onde se podía cruzar o Miño sen empregar unha barca. Polo tanto, Portomarín xa estivo situado no mapa desde ben antigo, e non o digo só coa paixón de fillo de Portomarín. Ós feitos me remito… A situación estratéxica de Portomarín mantívose na Idade Media grazas ó Camiño de Santiago, que era a autovía daqueles tempos, a que nos comunicaba co resto do mundo. Agora a historia volve repetirse. As autovías do século 21 tamén están sendo as que están situando a nosa provincia nun lugar inmellorable para desenvolver a nosa economía, e permitirannos estar moi ben comunicados co resto de Galicia, España e Europa. Pero retornemos á Idade Media. No Códice Calixtino, Portomarín aparece co nome de “Pons Minea”, Ponte do Miño. Era un punto clave na Rota Xacobea, xa que era aquí onde os peregrinos cruzaban a pé o gran río galego. Da importancia que acadou esta vila na época medieval tamén dan fe a presenza de tres poderorísimas Ordes: as de Santiago, o Temple e San Xoán de Xerusalén, que tiñan por finalidade protexer e dar refuxio ós peregrinos. A esta última, a de San Xoán, formada por monxes-cabaleiros, débese o aspecto de fortaleza da igresa de San Nicolás, antigamente chamada de San Xoán, un dos monumentos románicos máis singulares do camiño de Santiago por esa combinación entre centro relixioso e fortificación. Este templo e outros destacados monumentos, como a Igrexa de San Pedro ou o Pazo do Conde da Maza foron trasladados pedra a pedra ata a súa ubicación actual, cando o encoro de Belesar asolagou o vello Portomarín a comezos dos anos sesenta. Foron momentos complicados para esta vila, que, sen embargo, soubo renacer das súas augas. Portomarín tivo un gran pasado, pero tamén ten un importante presente e, estou convencido, terá un gran futuro. Todos, institucións públicas e privadas, debemos arrimar o ombro e sumar esforzos para acadar que ese futuro sexa próspero. Desde a Deputación que presido queremos contribuír ó progreso deste Concello axudando a prestar servizos que melloren a calidade de vida dos veciños. Modernidade e tradición deben camiñar da man para aproveitar o mellor que nos deixou o pasado e o mellor que nos da o presente. O rico patrimonio paisaxístico e medioambiental da nosa provincia fai que Lugo teña un potencial económico e impresionante do que se van beneficiar Concellos como o de Portomarín. A Ribeira Sacra, que entre outras moitas cousas nos da esta marabillosa augardente, debe ser un dos buques insignia do desenvolvemento sostible polo que apostamos desde a Deputación. Unha paisaxe poderosa, un gran legado artístico e cultural e uns viños de recoñecido prestixio farán que o camiño sexa doado. Pero centrémonos de novo no verdadeiro protagonista de hoxe. Din que o augardente é moi dixestivo para a sobremesa. Unha copiña ou un café cunhas pingas deste licor, acompañados dunha torta de amédoas, poden crear o mellor ambiente para chegar a acordos e consensos en prol do ben común... Como o consenso que se acadou na elección dos nove Cabaleiros e catro Damas que este domingo pasamos a formar parte da Orde Serenísima da Alquitara. Se as antigas Ordes que estaban en Portomarín tiñan a obriga de protexer ós peregrinos, os Cabaleiros e Damas da Serenísima Alquitara asumimos o firme compromiso de defender a pureza do augardente destilado en alquitara, e de promocionalo en canto se nos presente a mínima ocasión. Ese é hoxe o noso pacto de Cabaleiros e de Damas. Para finalizar non podo esquecer que o noso querido augardente é o principal ingrediente da bebida máis representativa de Galicia: a queimada. Non hai festa que se prece na nosa terra que non remate cunha boa queimada. Din que cada maestrillo ten o seu librillo e, efectivamente, cada quen ten o seu toque persoal á hora de preparar esta bebida, pero en ningún caso pode faltar unha boa augardente. Como di un famoso conxuro: “E cando esta brebaxe baixe polas nosas gorxas, quedaremos libres dos males da nosa alma e de todo embruxamento”. Con conxuro ou sen el, quero animar a todas e todos a beber con moderación. Os que teñan que conducir que esperen a chegar á casa para facer o conxuro e tomar uns groliños das botellas que poden mercar nesta praza. Moi boas tardes, bo proveito, é a seguir disfrutando da festa!!!