Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apoia a candidatura da Torre de Hércules para ser Patrimonio da Humanidade

Gómez Besteiro anunciou que irá unha moción de apoio ó vindeiro pleno

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este mércores ó presidente do Instituto de Estudos Torre de Hércules, Segundo Pardo-Ciórraga, a quen lle transmitiu o seu apoio á candidatura do monumento máis emblemático da Coruña para que sexa declarado pola UNESCO Ben Cultural Patrimonio da Humanidade. O titular da institución provincial sinalou que “Lugo lembra o apoio recibido por distintas provincias, cidades e localidades cando loitaba porque a nosa Muralla acadase esta mesma distinción, e é de ben nacidos ser agradecidos”. Ademais, destacou o feito de que “a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules son da mesma época e lembran o noso glorioso pasado romano”. Gómez Besteiro anunciou que no vindeiro pleno se incluirá una moción para que este apoio sexa refrendado por toda a Corporación. “Non imos fallar, porque apoiar a candidatura da Torre de Hércules é apoiar a toda Galicia e á Coruña, unha cidade coa que hai moi boa relacion, e na que moitos dos seus veciños son oriúndos da provincia de Lugo”. Pola súa banda, Segundo Pardo-Ciórraga agradeceu o recibimento, tanto por parte do Presidente da Deputación, como no seu día polo Alcalde de Lugo. “Cantos máis monumentos de Galicia sexan declarados Bens Patrimonio da Humanidade mellor será para Galicia”, apuntou o presidente do Instituto de Estudos Torre de Hércules, quen lembrou que neste momento tan só teñen esta distinción o Camiño de Santiago, a capital compostelá e a Muralla de Lugo, e “se se suma un máis será beneficioso para toda a comunidade tanto a nivel cultural como económico”. Único faro romano en funcionamento A Torre de Hércules é o único faro romano que segue funcionando no mundo. A súa singularidade, e os seus méritos arquitectónicos, históricos e medioambientais foron recoñecidos na reunión celebrada o pasado mes de outubro na localidade murciana de Cartagena polo Consello do Patrimonio Histórico Español que decidiu que este monumento sexa o único que represente a España na lista de candidatos de Bens Culturais Patrimonio da Humanidade do ano 2008. Segundo Pardo-Ciórraga avanzou que lle foi comunicado, dun xeito oficioso, que a Torre estará “entre os 45 bens, ou incluso menos, de todo o mundo que serán visitados por técnicos do ICOMOS nos vindeiros meses. En concreto, está previsto que veñan en abril ou maio á Coruña para coñecer o monumento”. Na recepción no despacho do Presidente, Pardo-Ciórraga entregou a Gómez Besteiro unha peza de Sargadelos que reproduce o faro romano. Pola súa banda, o titular provincial agasallou ó convidado co libro “Os pazos e señoríos da provincia de Lugo” de Antonio Yebra.