Deputación de Lugo

A Deputada de Economía e Facenda participará na XXIV Semana Cultural de Sestao

Imaxe deputación de lugo
A iniciativa está organizada pola Agrupación “Hijos en Galicia” da localidade biscaína

A Deputada da Área de Economía e Facenda da Deputación de Lugo, Regina Polín, participará na vixésimo cuarta Semana Cultural que se celebra na localildade viscaína de Sestao desde hoxe ata o 18 de maio. A responsable de Economía participará nos actos da fin de semana que coinciden coa celebración do Día das Letras Galegas. Cada ano a Agrupación “Hijos de Galicia de Sestao” organiza esta iniciativa co motivo do día no que Galicia exalta a súa lingua a través da súa manifestación literaria. Esta formación está integrada por 450 socios, dos que o 80% son lugueses residentes no Concello viscaíno, municipio que xunto con Baracaldo recibiu o maior número de emigrantes galegos, fundamentalmente das provincias de Lugo e Ourense, nos anos 60. O sábado, día 17, a Deputada de Economía, xunto co Deputado Xeral de Biscaia, José Luis Bilbao, será recibida no local social polos membros da Corporación Municipal de Sestao. Acto seguido, os responsables políticos participarán no concurso de filloas e visitarán a Casa Consistorial. Os actos deste día inclúen, ademais, unha comida de irmandade para socios e autoridades, pasarrúas a cargo do Grupo Nova Xente e actuación do Grupo Folk “Ardentía” de Vigo. Os actos da Semana Cultural rematarán o domingo cunha exposición e obradoiros de artesanía galega e coa entrega de trofeos dos concursos de debuxo, filloas e dos campionatos de xogos de mesa, organizados co motivo da celebración do evento.