Deputación de Lugo

A ONCE fará visible a imaxe do Museo de Lugo

Cinco millóns de cupóns, coa imaxe do museo de Lugo, serán postos á venda o domingo 17 de febreiro de 2.008 en todo o estado español

Na habitual rolda de prensa posterior á xunta de goberno dos venres, o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, presentou a imaxe do Museo de Lugo que aparecerá no Supercupón Fin de Semana da ONCE o domingo 17 de febreiro de 2.008. A imaxe do Museo de Lugo chegará a todos os lugares do estado español grazas a esta iniciativa da ONCE e da Área de Cultura da Deputación de Lugo. A Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) inclúe habitualmente nas súas coleccións do cupón imaxes de moi diferente tipo que abarcan distintas temáticas e que promocionan, indirectamente entre os seus compradores e público en xeral, costumes, tradicións ou institucións arraigadas socialmente. Dentro desta liña de actuación a ONCE comezou no mes de marzo de 2.007 unha colección, nos cupóns dos domingos, adicada a museos do estado español. Foi de agradecer, na xestións para a inclusión desta imaxe, o apoio de D. Miguel Moreno (Director do Museo Tiflolóxico da ONCE). É de resaltar a colaboración que o Museo de Lugo e D. Miguel Moreno manteñen habitualmente en temas museísticos e de accesibilidade. Esta edición do cupón fin de semana ten unha tirada de 5 millóns de unidades. No cupón aparecerá impresa, na metade dereita, unha fotografía do edificio do Museo de Lugo. Ademais desta imaxe do edificio tamén irá impreso, dentro dun círculo, o logotipo promocional do 75 aniversario do museo.