Deputación de Lugo

A Deputación apoiará proxectos culturais e de mocidade impulsados dende a Vicepresidencia da Xunta de Galiza

Varias localidades lucenses contarán con centros para a mocidade que serán un referente a nivel do estado español.

LUGO, 14 DE XANEIRO. Esta tarde foron recibidos na Deputación de Lugo o director xeral de Xuventude da Xunta de Galiza, Rubén Cela, e a delegada provincial da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar, Branca Rodríguez Pazos. Os representantes do Goberno galego reunironse no Pazo de San Marcos co vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, e co responsable da área de Cultura e Deporte, Antonio Veiga. Esta xuntanza foi unha primeira toma de contacto para establecer liñas de colaboración entre os correspondentes departamentos de ámbalas dúas institucións. Como materialización do ánimo do Goberno bipartito da Deputación de Lugo de cara a colaborar con outras institucións galegas existe un interese manifesto por apoiar os proxectos emanados dende o Goberno galego. Neste senso, o vicepresidente primeiro da Deputación, o nacionalista Antón Bao, sinalou que “imos apoiar decididamente, cos recursos da Deputación, aqueles proxectos dirixidos á mocidade que teñan como obxectivo o fomento de actividades culturais e alternativas de ocio”. Tanto o Director Xeral de Xuventude, Rubén Cela, como a Delegada Provincial da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar, Branca Rodríguez Pazos, transladaron aos representantes do Goberno da Deputación os diversos proxectos que a Xunta de Galiza vai poñer en marcha en vilas e cidades de Lugo. A maior parte destes proxectos irán dirixidos á mocidade e serán espazos nos que, segundo o director xeral de Xuventude “os mozos e mozas deste país atoparán un lugar de encontro no que interrelacionarse, expresar as súas capacidades e desenrolar o seu talento”. OCIO, CULTURA E APOIO AFECTIVO-SEXUAL Varios destes centros serán referentes para a mocidade nas distintas comarcas de Lugo. Funcionarán en rede e conterán espazos de ocio e coñecemento. En algunhas localidades os centros Quérote facilitarán a mozos e mozas información afectivo-sexual de xeito anónimo e gratuito. Varios centros deste tipo xa están a funcionar, con profesinoais cualificados, na provincia de Lugo. A Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza, a través da Dirección Xeral de Xuventude, é a encargada de pór en marcha estes centros, que son punteiros no Estado español tanto polas infraestructuras que acollerán como polas actividades que neles se levarán a cabo. A incorporación nestes centros de locais de ensaio, estudios de grabación audivisual e salas multimedia será segundo o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao “unha aposta do Goberno galego por e para a mocidade de comarcas, cun alto índice de envellecemento poboacional, que precisan do apoio das institucións para acadar o tan nomeado reequilibrio xeográfico”.