Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación inaugura a XXIV Mostra Exposición de Muimuenta (Moexmu)

Gómez Besteiro destacou a importante proxección desta feira na que participan 137 reses das mellores gandeirías da provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres a vixésimo cuarta edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu). O titular provincial destacou a proxección que está a conseguir a mostra na que participan 137 reses pertencentes ás mellores gandeirías da provincia. Gómez Besteiro explicou que a aposta do novo equipo de goberno da Deputación polo sector agrogandeiro queda demostrada co futuro centro de recría da Granxa Gayoso Castro que entrará en funcionamento no ano 2009. INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE: Xerente da Comisión Organizadora, Alcalde de Cospeito, pregoiro, señores e señoras, boas tardes: É para min un pracer participar nesta inauguración da Mostra Exposición de Muimenta, máis coñecida como Moexmu, unha feira que, a piques de cumprir as vodas de prata, xa é todo un referente no sector agrogandeiro da provincia e tamén de Galicia. Aquí están as mellores reses das principais gandeirías da Terra Chá, Chantada e da Mariña, pero tamén acude a esta cita unha explotación de Lalín, o que demostra que a feira xa está a traspasar as fronteiras da nosa provincia. Moi coñecida é tamén a súa exposición de razas rubia galega e o Concurso de Raza Frisona, dúas iniciativas que se veñen facendo desde finais da década dos anos 80. Por iso, quero aproveitar a ocasión para felicitar á organización deste evento, xa que non hai que esquecer que un dos principais impulsores da Feira son os empresarios da zona, que cada ano traballan durante meses para que a Mostra sexa todo un éxito. Precisamente, esta colaboración é un exemplo de que, se todos arrimamos o ombro, pódense conseguir cousas importantes. O sector agrogandeiro é un dos potenciais económicos da nosa provincia, por iso creo que as institucións tamén debemos apoiar este tipo de iniciativas para evitar a despoboación e demostrarlles ós mozos e ás mozas que no rural hai futuro. A Deputación de Lugo colabora con esta feira pero quero falarlles da que será a gran colaboración cos nosos gandeiros e agricultores. Unha das iniciativas que marcará o noso compromiso co medio rural será a creación dun centro de recría de gando na Granxa Gayoso Castro. Ímolo poñer en funcionamento no ano 2009. Disporá de 2.000 a 4.000 cabezas de gando e contará cun investimento inicial de 4 millóns de euros. Estou convencido de que será o proxecto gandeiro máis revolucionario das últimas décadas no campo galego. Estas cifras demostran a aposta que está a facer a Deputación por potenciar a rendibilidade das explotacións agrarias da nosa provincia. O centro vai resolver un dos problemas co que se atopan no día a día os nosos gandeiros, a falla de infraestruturas e de man de obra. Por iso, tamén daremos cursos de formación para que haxa equipos de substitución nas explotacións. Pero ademais, será un centro pioneiro no eido da investigación e da innovación. Deste xeito, estamos garantizando a posta en valor dun traballo pouco recoñecido a veces polos que temos responsabilidades de goberno. Para todo isto, e amparados no obxectivo de buscar o distintivo de calidade, buscaremos o apoio doutras institucións. Dito doutro xeito: queremos arrimar o ombro, como dicía anteriormente. Moitas grazas e sigan traballando porque a Deputación de Lugo estará aquí para brindarlles todo o noso apoio e consolidando esta feira.