Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación implicará á Asociación
de Empresarias de Lugo no Plan Estratéxico provincial

José Ramón Gómez Besteiro explicou as políticas estratéxicas que se están a impulsar desde a Deputación

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo esta mañá un almorzo de traballo coa Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) no que expuxo as liñas estratéxicas de traballo que está a impulsar a Deputación de Lugo nesta nova etapa. Gómez Besteiro aproveitou a ocasión para invitar ás empresarias a formar parte do Plan Estratéxico provincial, impulsado polo Foro ProLugo. Neste senso, as empresarias confirmaron a súa intención de formar parte desta importante iniciativa, a primeira destas características na provincia. O Presidente da Deputación quixo destacar ó final do encontro o paso histórico que está a dar a provincia de Lugo. “Mentres que antes vivíase pendente da polítcia da subvención, agora moita xente como nós quere apostar por cousas que permanezan, que creen riqueza en Lugo. Esa será a filosofía da Deputación”. Por iso, o mandatario provincial subraiou a mentalidade das mulleres empresarias: “De todas as reunións que mantiven, nesta percibín máis ca nunca esta mentalidade de superación. Saben que a partir do ano 2013 haberá cambios nos fondos europeos e que non vale vivir permanentemente da subvención”. Outro aspecto que quixo destacar o Presidente “é que as mulleres non só procuran o desenvolvemento das súas empresas, senón do seu entorno. Por iso, un dos aspectos que máis lles preocupa é o asentamento de poboación”. Para frear o descenso demográfico, unha das apostas da Deputación está a ser a especialización. O Centro de Recría de Novillas que vai poñer en marcha a Deputación na Granxa Gayoso Castro é un proxecto revolucionario no campo galego e que beneficiará en grande medida ás mulleres. Rosa Rois, a Presidenta de AELU, destacou a boa acollida que tivo esta medida, xa que “o 70% das explotacións gandeiras están en mans de mulleres”. O novo mapa de autovías que está permitindo comunicar por vez primeira toda a provincia de Lugo e a posta en valor do medio ambiente foron outros dos asuntos polos que amosaron moito interese as empresarias. Gómez Besteiro dixo que a nova Deputación non entende de desigualdades de xénero. Puxo como exemplo á Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, a persoa responsable do INLUDES e “polo tanto, do desenvolvemento empresarial impulsado desde a Deputación, unha profesional que move ó ano 12 millóns de euros”. No tocante ós xéneros, Rosa Rois destacou: “Xa é hora de que nos den a representación que nos corresponde. Maduramos socialmente, políticamente e socialmente. De feito o 55,6% das empresas que se están creando en Galicia son de mulleres”.