Deputación de Lugo

A Corporación Provincial garda un minuto de silencio en lembranza do ex Presidente Luis Cordeiro

O Pleno aprobou por unanimidade a adhesión da Deputación ó Consorcio do Centro Asociado da UNED en Lugo

A Corporación provincial gardou este mércores un minuto de silencio en lembranza a Luis Cordeiro, o primeiro Presidente da Deputación de Lugo da etapa democrática, falecido o pasado luns. Ó comezo da sesión ordinaria celebrada esta tarde polo Pleno e en nome da Corporación, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, transmitiulle as súas condolencias á familia -á viúva e ós seus fillos- ó tempo que destacou o gran traballo realizado polo ex Presidente provincial na creación do Campus de Lugo. “Foi un gran político cuia actuación foi decisiva na creación do Campus lugués, unha labor continuada polo seguinte Presidente, e na que o actual equipo de goberno non baixará a guardia”, subliñou Gómez Besteiro. A actuación de Luis Cordeiro foi determinante na consecución da Facultade de Veterinaria, xerme do campus lugués. No seu mandato, entre os anos 1979 e 1983, impulsáronse obras tan importantes como as do Colexio Universitario- o primeiro edificio que albergou a Facultade de Veterinaria-, a Biblioteca Pública ou o Arquivo Provincial. Precisamente o Pleno aprobou por unanimidade a adhesión da Deputación ó Consoricio que permitirá a creación dun Centro Asociado da UNED en Lugo, que permitirá ós lugueses quedar en igualdade de dereitos con respecto ás outras cidades que xa contan con Centros Asociados da Universidade a Distancia. O Presidente da Deputación tamén deu conta ó Pleno da concesión a título póstumo a Luis Cordeiro da Placa de Honra da Provincia de Lugo. Ademais, “as bandeiras do Pazo Provincial ondearon a media asta cun crespón negro desde o luns ata as catro desta tarde en sinal de loito oficial polo pasamento do ex Presidente da Deputación”. Na sesión de hoxe tamén se lembrou a outros dous antigos membros da Corporación Provincial, o ex Vicepresidente da Deputación José Regal, e ó ex deputado, Alvaro Moral, falecidos en datas recentes.