Deputación de Lugo

Gómez Besteiro destaca o compromiso de Tosar coa provincia, 'un lucense que fai lucensismo alá por onde vai'

O Presidente da Deputación participa no acto de homenaxe que lle rendiron os veciños de Xustás ó actor, e que incluíu o descubrimento dunha praca conmemorativa da efeméride que acadou o Goya ó mellor actor pola súa interpretación en Celda 211Luis Tosar é a imaxe da campaña turística que a Deputación arrancou en marzo, a través da que un autobús dá a coñecer os atractivos e recursos da provincia polas 16 cidades máis importantes do norte de EspañaA Fundación TIC tamén se sumou ó recoñecemento dos veciños, amigos e seguidores do intérprete coa gravación dun DVD que recollerá todos os actos organizados pola Asociación Veciñal “Xente de Xustás”, en colaboración co organismo provincial

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este domingo na homenaxe que lle rendiron os veciños de Xustás ó actor Luis Tosar, con raíces nesta parroquia de Cospeito, e que contou ademais coa presenza do Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, así como dos pais e tíos do homenaxeado. Gómez Besteiro, amosou publicamente a súa satisfacción por participar neste acto, xa que “é un recoñecemento máis que merecido a un gran actor, pero sobre todo a un gran lucense. Porque a parte de ser un dos grandes profesionais da sétima arte deste país, hai un Tosar persoa, que fai lucensismo alá por donde vai. Grazas a ti, os Goya falaron galego por primeira vez e o pobo de Xustás converteuse por uns momentos, ó igual que hoxe, na capital do cine nacional”.

Neste senso, o titular provincial subliñou que “esta é a faceta do actor que máis nos gusta, a do lucense comprometido con Lugo e coa súa terra”. Por este motivo, a Deputación elexiuno para ser a imaxe da provincia na campaña turística que puxo en marcha no mes de marzo para promocionar Lugo, e a través da que un autobús dá a coñecer a riqueza paisaxística, gastronómica e hostaleira da provincia polas principais cidades do norte de España. “Durante moito tempo estivemos mirando cara fóra, cando o verdadeiro tesouro estaba dentro, por iso cremos que a imaxe de Tosar era o mellor escaparate deste bus co que damos a coñecer o extraordinario patrimonio que temos”.

Agradecementos a Besteiro

A asociación de veciños de Xustás organizou esta homenaxe coa colaboración da institución provincial. A este respecto, o Presidente deste colectivo, Gonzalo Rodríguez, agradeceu o apoio recibido por parte de Gómez Besteiro xa que “sen el non poderíamos celebrar este acto”. Na mesma liña se pronunciou o Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, que destacou que “necesitábamos unha institución sensible con esta idea como a Deputación de Lugo, e moi especialmente como o seu Presidente, José Ramón Gómez Besteiro quen puxo ó servizo da asociación todos os medios necesarios”. Por este motivo, o titular provincial foi agasallado cun cruceiro galego.

Precisamente, tamén foi Besteiro quen fixo entrega a Luis Tosar do escudo da provincia de Lugo. Posteriormente, procedeuse ó descubrimento dun monolito cunha placa conmemorativa desta efeméride que permitirá manter viva a figura do actor no lugar no que naceu. A Fundación TIC tamén se sumou ó recoñecemento dos veciños, amigos e seguidores de Tosar coa gravación dun DVD que recolle todos os actos da homenaxe.

A elaboración do vídeo, que contou coa participación de bolseiros da Escola de Imaxe e Son, forma parte do convenio de colaboración asinado entre a TIC e a Federación de Asociacións de Veciños da provincia de Lugo á que pertence a Asociación Xente de Xustás, encargada de organizar a homenaxe en colaboración coa Deputación. Ademais de dar difusión ás actividades que organice a Federación, o obxectivo do acordo é a formación dos bolseiros da EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual, para contribuír á súa inserción laboral.

Un chairego ilustre

Tosar manifestou que “viña cara aquí e estaba moi nervoso porque sabía que este ía ser un momento moi especial. Agora que nos xuntamos todos aquí, sinto unha enerxía cercana porque estou rodeado de familia. É un orgullo que recoñezan o que fago e resultame raro escoitar todo isto nas miñas orixes, onde pasei os mellores momentos da miña vida”. O actor lembrou algunha das súas anécdotas coas que bromeou, provocando a risa dos presentes. “Aquí vestíame de aventureiro para ir ó río.. faciamos furtivismo. Algo de Malamadre vén de Xustás...de andar furtiveando¡.Ibamos buscar ouro, daquela estabamos convencidos de que aquí o había¡”. Neste senso, tamén quixo “facer unha lembranza a un compañeiro de aventuras, José Luís Mairo Balboa, que non tivo a oportunidade de vivir esto”.

A cerimonia comezou ás doce da mañá nas inmediacións do edificio do vello teleclub e contou con animación a cargo dun grupo de música tradicional galega e rematou cun ágape.

Luis Tosar, nacido en Xustás en 1971 e gañador de tres premios Goya polas súas interpretacións en “Los lunes al sol”, “Te doy mis ojos” e “Celda 211”, sempre se amosou orgulloso das súas orixes lucenses e chairegas. Con esta homenaxe, os veciños da súa parroquia natal quixeron manifestarlle o seu aprecio e admiración por promocionar os nomes de Xustás e Lugo. O actor destaca como cantante. Precisamente, actuará xunto coa súa banda “Di Elas” o vindeiro día 4 de outubro dentro da programación do San Froilán. Será a partir das 21:00 horas, na Horta do Seminario, logo da lectura do pregón que correrá a cargo do escritor Paco Martín.