Deputación de Lugo

Dous cadros do artista Xavier Pousa rescatados da decoloración no Pazo dos Deportes

Dous cadros do artista Xavier Pousa rescatados da decoloración no Pazo dos Deportes

A Área de Cultura e Deportes da Deputación retirou 2 obras do pintor Xavier Pousa do Pazo dos Deportes para evitar o seu deterioro LUGO, 02 DE XUÑO. Operarios do museo provincial procederon á retirada de dúas obras do pintor Xavier Pousa Carrera. Estes dous cadros estaban situados nas escaleiras de acceso á cafetería principal do Pazo dos Deportes e sometidos á claridade que penetra de, xeito continuado, pola galería acristalada da fachada do Pazo. Estes cadros que foron colgados nas paredes do Pazo dos Deportes durante o mandato do anterior goberno do Partido Popular e permaneceron alí durante dez anos aproximadamente. Os actuais responsables da área de Cultura e Deportes da Deputación decidiron o traslado destes dous cadros de Xavier Pousa ao Museo Provincial para avaliar o estado das obras, proceder á súa catalogación e albergalos nun lugar coas condicións axeitadas para a súa conservación. Segundo fontes da área de Cultura e Deportes “o lugar non é axeitado para a colocación de obras pictóricas que poidan sufrir danos pola acción da directa da luz, sería unha irresponsabilidade manter estas obras alí colocadas durante máis tempo”. Dende a área de Cultura e Deportes non se fixo unha estimación do posible valor das obras de Xavier Pousa pero aseguraron que estas obras son propiedade pública e a Deputación debe ser garante de que o seu patrimonio histórico e artísticos se conserva e custodia en condicións axeitadas. DOUS ÓLEOS DUN PINTOR DE TOMIÑO As dúas obras retiradas son dous óleos do pintor, nado en Goian - Tomiño no ano 1931, Xavier Pousa. Os cadros foron asinados polo artista pontevedrés no ano 1992 e levan por título “CÓBADOS DE LAROUCO” e “ARNADO DO SIL” ámbolos dous óleos foron pintados sobre lenzo nun tamaño de 82 x 101 cm. Xavier Pousa Carrera é unha das figuras salientadas dentro da pintura galega contemporánea. Nace en Goián, Tomiño (Pontevedra), o 13 de Abril de 1931 e morre en Vigo o 8 de Novembro de 2000. Comeza a súa formación plástica aos trece anos co pintor de Goián, Antonio Fernández Gómez. En Setembro de 1949 obtén unha bolsa da Deputación de Pontevedra, que se prolongará ata 1954, coa que inicia os seus estudos no Círculo de Belas Artes de Madrid e realiza copias no Museo do Prado. En 1951 ingresa na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando onde inicia amizade co escultor galego Xoán Piñeiro co que compartirá estudo en Vallecas. Home de espírito inquedo, realizará numerosos viaxes para estudar a pintura doutros países cuxa influencia quedará patente na súa obra. En 1952, viaxa a París onde entra en contacto coa pintura impresionista e tras gozar unha bolsa en 1953 da Fundación Carmen del Río, na sección de pintura de composición, viaxa por Italia, Alemaña, Holanda e Bélgica onde atópase coa pintura flamenca. En 1955 recibe a pensión de “paisaxe” de “El Paular” e traballa na realización de vistas de Castela e en 1956 obtén o premio “Sésamo”. Realiza numerosas exposicións individuais e colectivas en Galicia e Madrid, salienta a súa participación no XXVII Salón de Outono, en 1960 na Exposición Rexional de Arte Galego de Vigo e en 1963 no Liceo Ourensán. Durante o tempo que vive na cidade de Ourense intégrase no grupo “Artistas Galegos”, momento desde o que se ve inmerso no panorama da arte galego de vangarda que tiña como obxectivo cambiar a sociedade a través da arte. Será integrante de “A estampa popular galega”, fundada por Reimundo Patiño, coa intención de achegar a arte ó pobo producindo gravádevos a prezos accesibles ó gran público. En 1969, Pousa establécese en Vigo onde participará activamente da vida cultural da cidade e tras unha experiencia curta como docente se dedicará en exclusiva á pintura. Viaxa por todo o mundo e obtendo premios e distincións. No 1996 é nomeado membro da Real Academia de Belas Artes da Nosa Dona do Rosario e asesor do padroado do Museo Quiñones de León de Vigo. Desde 1997 dirixirá a bolsa de paisaxe da Fundación Mondaríz Balneario.