Deputación de Lugo

A Deputación rescindirá o contrato coa empresa das obras de Hospital- Seoane por graves irregularidades que afectan á seguridade da vía

A Deputación rescindirá o contrato coa empresa das obras de Hospital- Seoane por graves irregularidades que afectan á seguridade da vía

A Deputación tamén resolverá o contrato para o pintado de estradas provinciais que leva un ano de retraso Manuel Martínez sinalou que a institución provincial non vai permitir que certas empresas actuén en contra dos intereses dos cidadáns A Deputación iniciou o expedente de resolución contratual por incumprimento da empresa Mateo y Freire, S.L., contratada en 2004 para as obras de anchamento e mellora da estrada Hospital- Seoane, na variante de Lousada, logo das importantes deficiencias detectadas nas obras e do retraso acumulado na execución do proxecto, segundo avanzou este venres o Deputado da Área de Infraestruturas, Manuel Mártínez. Martínez dixo que “para a Deputación este non é un trámite agradable, e non teño constancia de que esta institución o teña feito nos últimos anos” pero a decisión adoptouse “para garantir a seguridade deste treito e das persoas que pasan por el, e para que sexa posible contratar canto antes outra construtora que remate a estrada”. O Deputado de Infraestruturas afirmou que “as empresas deben ser serias e responsables nas súas relacións coas institucións. Non podemos estar agardando catro anos e que o que se faga estea mal”. O equipo de goberno non permitirá que certas empresas actuén contra os intereses dos cidadáns. Numerosas irregularidades O responsable de Obras sinalou que malia boa disposición do organismo provincial e dos reiterados requirimentos que se fixeron para que o empresario fora facendo as reparacións necesarias, os informes técnicos apuntan que nas obras se produciron un cúmulo de irregularidades. O principal problema detectouse na bóveda construída para salvar o regato de Vilela que presenta rotura de pezas de formigón, descalce da cimentación e desprazamento das partes que conforman a estrutura. Ademais, comprobouse que as pezas prefabricadas da bóveda que figuraban no proxecto foron substituidas por outras cun armado distinto. Resolución do contrato de pintado de estradas Manuel Martínez anunciou que a Deputación tamén decidiu a resolución do contrato asinado coa empresa adxudicataria do pintado de estradas provinciais, Patricio Cabezas, S.A. (PACASA), por incumprir os prazos previstos. Malia que os traballos xa deberían estar rematados, Martínez dixo que seguen sen pintar a maioría dos 224 quilómetros de vías provinciais contratados. “A deficiente sinalización desta vías supón un risco inminente para a seguridade vial e pode provocar un accidente de tráfico”, apuntou o deputado socialista. Segundo sinalou Martínez, en febreiro de 2007 asinouse o contrato por 77.772 euros para a sinalización de estradas. Os traballos, cun prazo de execución de dous meses, deberían ter comezado en abril do ano pasado. Tras constatar importantes discrepancias na relación de vías sobre as que actuar, adxudicouse outro contrato adicional por 15.491 euros cun prazo de execución de tres meses. Neste caso, estaba previsto que a obra comezase en novembro e durase tres meses. “Non podemos estar máis dun ano esperando a que pinten a estradas”. Obra afectada polo Camiño Primitivo O Delegado de Infraestruturas tamén avanzou que o luns da semana que vén se enviará á Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Lugo, da Consellería de Cultura, o proxecto técnico que modifica o trazado da C.P. 2901 de Lugo a Palas de Rei, no treito que pasa polo Burgo, no Concello de Lugo. Esta modificación supón un incremento presupostario de 48.500 euros. O proxecto inicial, que prevía a mellora do treito que vai do punto quilométrico 3,300 ó 5,400, foi adxudicado por 249.000 euros, pero quedara paralizado logo de que a Comisión de Patrimonio Histórico non concedese a súa autorización. O departamento da Xunta argumentou nese momento que o proxecto provocaba un forte impacto no entorno inmediato da capela de San Bartolomé, incluída no inventario do Patrimonio Cultural, e pedía que se buscase outro trazado que se afastase da devandita capela e da igrexa parroquial.