Deputación de Lugo

As Entidades Culturais e Deportivas poderán solicitar axudas da Deputación de Lugo ata o 15 de setembro

Cincocentos mil euros irán destinados ás axudas para colectivos culturais e seiscentos mil para as entidades e clubes deportivos

A Área de Cultura e Deportes definiu, nas bases, uns criterios que permitirán un reparto equitativo e transparente dos fondos públicos destinados a estas axudas O responsable da Área de Cultura e Deportes, Antonio Veiga, informou, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno, da recente publicación das convocatorias das axudas para entidades culturais e deportivas. As axudas irán destinadas ás entidades asociativas e clubes deportivos para sufragar os gastos das actividades realizadas neste ano 2008. Poderán solicitar estas axudas as entidades culturais, agrupacións, asociacións de veciños, os clubes deportivos así como as asociacións deportivas e agrupacións deportivas legalmente constituídas e adaptadas á normativa vixente, que carezan de finalidade de lucro e que desenvolvan a actividade no ámbito territorial da provincia, sempre que as accións que desenvolvan cumpran o obxecto das bases. O prazo de solicitude prolongarase ata o 15 de setembro e a información está dispoñible na páxina web da Deputación de Lugo e nas dependencias da Área de Cultura e Deportes no Pazo de San Marcos. Para facer fronte ao pagamento destas axudas a Área de Cultura e Deportes asignou, nos orzamentos deste ano, un total de 1.100.000 euros. Ás axudas destinadas á realización de actividades de interese cultural irán destinados 500.000 euros, e as subvencións a entidades deportivas promotoras do deporte terán unha asignación de 600.000 euros. Segundo o responsable da Área de Cultura e Deportes,Antonio Veiga, “é a primeira vez que as axudas terán un baremo claro que permitirá unha resolución equitativa e transparente e serán valoradas por unha comisión na que, por primeira vez, participarán os tres grupos políticos con representación na corporación provincial”. A Área de Cultura e Deportes contará cun prazo de 3 meses, a partir do remate do prazo de solicitude, para resolver as solicitudes e comunicarlles aos solicitantes a resultado da resolución. Unha vez recibida a resolución so adxudicatarios terán un prazo de 3 meses para presentar a conta xustificativa. AXUDAS DE DESTINADAS A ENTIDADES CULTURAIS As axudas destinadas ás entidades culturais rexeranse por criterios claros para a súa avaliación pola comisión valoración, así terase en conta que as entidades solicitantes cumpran coas seguintes condicións: 1. Incidencia sobre unha accesibilidade ampla e dirixidas a poboación en xeral e que incidan na promoción dos valores culturais, artísticos e tradicionais da área de influencia onde se desenvolvan. 2. Incidencia sobre a adecuación do seu proxecto ao interese das comarcas onde se leven a cabo. 3. Incidencia sobre o emprego da lingua galega no seu desenvolvemento. 4. Incidencia sobre a adecuación do seu proxecto en relación coas necesidades e características dos sectores de poboación destinatarios da actividade, acción ou comportamento. 5. Incidencia sobre iniciativas de nova creación, optimización ou complementariedade das existentes e que constitúan servizos básicos no termo municipal onde se desenvolvan, satisfacendo ou mellorando necesidades non cubertas. 6. Incidencia sobre os proxectos que teñan un marcado interese comunitario de forma que reforcen a estrutura social e supoñan un beneficio colectivo para o interese de todos os cidadáns do municipio TRES LIÑAS PARA AS ENTIDADES E CLUBES DEPORTIVOS As entidades e clubes deportivos poderán solicitar axudas a través de tres liñas: 1. Axudas á actividade competitiva. Son axudas destinadas a entidades deportivas de Lugo que desenvolvan como ACTIVIDADE PRINCIPAL a participación en competicións organizadas polas federacións deportivas ou entidade recoñecida oficialmente ou con arraigo social e interese provincial constatado e cuxa finalidade é axudar a sufragar os gastos de arbitraxe, transporte e gastos federativos (licenzas, seguros, etc) e canons que esta participación xera. 2. Axudas para a organización de eventos deportivos. Son axudas destinadas a entidades deportivas que desenvolvan eventos deportivos de CARÁCTER PUNTUAL que incidan na promoción e na formación deportiva, con especial incidencia no deporte recreativo, deporte saúde, deporte autóctono e tradicional, deporte feminino e deporte adaptado. 3. Categoría de axudas para actividades deportivas. Son axudas destinadas a entidades deportivas que desenvolvan actividades deportivas de CARÁCTER PERMANENTE que incidan na promoción e na formación deportiva, con especial repercusión sobre a poboación escolar, maiores, e o deporte feminino. Para a concesión destas axudas a comisión de valoración formada contará cun baremo que definirá perfectamente a puntuación obtida por cada solicitante e que servirá para un reparto equitativo e transparente dos fondos públicos destinados a estas axudas. AXUDAS A ENTIDADES VECIÑAIS PARA 10 COLECTIVOS O responsable da Área de Cultura e Deportes e voceiro do BNG na Deputación, Antonio Veiga informou, tamén, da aprobación dun total de 10 axudas a entidades veciñais para a realización de actividades culturais. Estas axudas correspondentes do ano 2007 e suman un total de 11.106,31 euros e están distribuídas entre entidades veciñais de 10 concellos. CONCELLOTITULO DA ACTIVIDADEANO AXUDA ABADÍNVIAXE CULTURAL 2007900,00BALEIRAACTIVIDADES EXTRAESCOLARES 20071.078,00BURELASEMANA SANTA 2007698,00FOZFESTIVAL EMIGRANTE 2007 2007980,39FRIOLFESTAS PATRONAIS 20072.500,00GUITIRIZCLASES INFORMÁTICA 20071.000,00TRABADAACTIVIDADES PARA OS MAIORES 20071.200,00VILALBACURSO DE BAILE 2007799,92VIVEIROVIAXE A ANDALUCIA E EXTREMADURA 20071.500,00XERMADEVIAXE CULTURAL A ALLARIZ 2007450,00TOTAL 11.106,31