Deputación de Lugo

Lara Méndez participa no Seminario Anual da Asociación Europea de Caución Mutua co motivo do 25 aniversario de AFIGAL

Imaxe deputación de lugo
A Vicepresidenta Segunda e conselleira de AFIGAL estará acompañada dos conselleiros que a Sociedade ten en Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación e conselleira da Sociedade de Garantía Recíproca AFIGAL, Lara Méndez, participará desde o 15 ó 16 de maio no Seminario Anual da AECM (Asociación Europea de Caución Mutua) con motivo do 25 aniversario de AFIGAL. A Sociedade de Garantía Recíproca quixo celebrar o seu aniversario cun seminario na cidade de Budapest. O simposio versará sobre a internacionalización, perspectivas, solucións e garantías das pequenas e medianas empresas desde o punto de vista da política da UE. Deste xeito, especialistas na materia ofrecerán e exporán a visión da Política da Unión Europea para as PEMES. Entre eles estarán o Ministro de Economía e Transportes de Budapest, Edit Bátorfi. Lara Méndez acudirá ó encontro como conselleira de AFIGAL en Lugo. Estará acompañada dos outros representantes da Sociedade na cidade: Manuel Mon Rouco, de Construcións Mon, Eduardo Núñez Torrón, Vicente Silva Meilán, responsable da Cámara de Comercio de Lugo, e Rafael Vázquez Reija, de Perfumerías Arenal. A celebración inclúe para os asistentes unha viaxe con guía pola cidade húngara, visita á Residencia de Francisco José e da Raíña Isabel en Gödölló e ó Parque Ecuestre dos irmáns Lázár. AFIGAL Afigal S.G.R. é unha Sociedade de Garantía Recíproca cunha dilatada experiencia no eido dos servizos financieiros. Está formada por empresas e os seus produtos e servizos están dirixidos a elas. A súa actividade ten como destinataria a empresa. Encárgase de negociar e conseguir para os seus socios as mellores Liñas Financieiras e Avais Técnicos, facilitándolles o acceso á financiación a longo prazo, en condicións preferenciais de tipos de interese, comisións e prazos de amortización, así como de prestar servizos de asistencia e asesoramento financieiro ás pequenas e medianas empresas e de tramitar con axilidade e eficacia as operacións acollidas a Liñas de crédito subvencionadas. Na actualidade, AFIGAL só ten representación en Lugo, Santiago e Ferrol.