Deputación de Lugo

Comezan os obradoiros de Semana Santa do Centro de Artesanía da Deputación con todas as prazas esgotadas

Por segundo ano consecutivo, os pequenos aprenderán a confección de en tear, fabricación de instrumentos musicais e cestaría, durante estas vacacións Os cursos de artesanía para adultos ofertan as últimas prazas nas que é posible matricularse en www.centrad.orgAmbas iniciativas repiten unha vez máis o éxito das pasadas convocatorias e amosan o interese que a tradición artesanal provoca na poboación

Arrancaron os Obradoiros Infantís programados polo Centro de Artesanía e Deseño para esta Semana Santa, con todas as pranzas esgotadas desde hai días, e que están adicados á cestaría, tear e instrumentos musical. Dende hoxe e ata o vindeiro 4 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 horas, 45 nenos de entre 5 e 12 anos participarán nestes obradoiros, totalmente gratuítos, nos que poderán aprender técnicas de oficios tradicionais ó tempo que comparten un xeito de ocio diferente con outros rapaces da provincia. Estes obradoiros infantís naceron cun dobre obxectivo, tal e como subliñou a Deputada da Área Regina Polín durante a presentación oficial desta programación. Por unha parte tentar que os máis novos coñeceran o mundo da artesanía, sector de gran peso e tradición na provincia e, por outra, servir de axuda ás familias para conciliar a vida familiar e laboral durante as vacacións escolares.

A primeira edición destes Obradoiros tivo lugar o pasado Nadal e, á vista do rotundo éxito acadado entre os propios rapaces e as familias que participaron neles, o CENTRAD decidiu estender esta programación a outras épocas de lecer escolar, como é o caso da Semana Santa. Tal e como ocorrera naquela convocatoria, na edición que hoxe comezou, as 45 prazas dispoñibles esgotáronse ó pouco tempo de abrirse o prazo de inscrición o pasado día 26 de marzo.

Durante estes tres días de duración, os nenos permanecerán ó coidados de mestres e traballadores do Centro de 9:00 a 14:00 horas, durante os que terán lugar tres obradoiros, adicados a unha técnica artesanal diferente, e que irán rotando ó longo de cada unha das tres xornadas previstas. No obradoiro de cestaría empregarán fibras vexetais e pequenas láminas de madeira para facer obxectos coma cestas ou lapiseiros con tramas sinxelas; no do instrumento musical, os nenos fabricarán pequenos instrumentos (frautas, mirlitóns ou canellas) con materiais coma cana, noces, legumes ou materiais de refugallo, e no obradoiro téxtil, os pequenos elaborarán tapices con bastidores, empregando materiais coma la e algodón.

Cursos de artesanía para adultos
En canto á programación de cursos de artesanía para adultos do CENTRAD, os interesados en participar aínda teñen a opción de facerse con algunha das poucas prazas libres que restan.
Dende a data de apertura de matrículas, o pasado 28 de marzo, só quedan por cubrir unhas poucas prazas nos cursos “Iniciación á olería de Mondoñedo”, “Tecer con nós. Macramé”, “Iniciación á cestaría” e “Encaixe de palillos”. No resto de cursos programados -“Iniciación á cestaría de vimbio”, “Fabricación de pezas. Torques”, “Confección de alfombras en teares de baixo lizo”-, as prazas están xa cubertas, existindo lista de espera para todos eles. A matrícula para estes cursos, cun prezo de 35 euros que inclúen matrícula e material, poderá facerse online a través da páxina www.centrad.org, xa que continúa aberta ata cinco días antes do comezo de cada curso. Os interesados poderán solicitar máis información en www.deputacionlugo.org, www.centrad.org ou no teléfono 982 210 066.