Deputación de Lugo

A Deputación conserva a través de SUPLUSA preto de 1.000.000 de metros cadrados de zonas verdes
na provincia

A Sociedade Urbanística Provincial celebrou a mesa de contratación para a adquisición de 24 novas máquinas que permitirán duplicar o seu parque móbil e prestar un servizo máis rápido e eficaz

A Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) da Deputación de Lugo conserva preto dun millón de metros cadrados de zonas verdes na provincia de Lugo. O balance foi presentado este mércores polo Deputado de Urbanismo e Medio Ambiente, Miguel Ángel Sotuela, quen supervisou os traballos de limpeza do leito do río Fervedoira, que atravesa a zona verde do parque do río Fervedoira, na capital lucense. Sotuela explicou que en SUPLUSA, ademais de encargarnos da creación de solo industrial na provincia complementando as políticas da Xunta de Galicia, somos os responsables do mantemento e limpeza das zonas verdes que xestiona a Deputación. Neste senso, encargámonos do mantemento de 12 áreas verdes na provincia que suman 971.169 metros cadrados, igual que 100 campos de fútbol profesionais. Sete delas están no Concello de Lugo e cinco noutros puntos da provincia. Estas últimas, precisou, sitúanse nos municipios de Quiroga, Navia de Suarna, O Incio, Friol e A Pastoriza-Meira. As áreas verdes da cidade ocupan un superficie de 755.637 metros cadrados. Son: a zona que une as Saamasas coa área recreativa dos Robles, da Vagoada ata o Pazo dos Deportes, a zona de desembocadura do río Fervedoira no río Miño, o parque periurbano do río Fervedoira, a zona da Chanca ata Friás, o parque de Paradai e o sendeiro da estrada de Ombreiro de 3,2 quilómetros. No caso da provincia, estas zonas teñen unha superficie de 215.532 metros cadrados. A isto habería que engadirlle a área de Vilasouto, no Concello do Incio, de 4,5 quilómetros de lonxitude. SUPLUSA destina este ano 574.879 euros para o desenvolvemento destes traballos levados a cabo polo persoal contratado. O persoal de SUPLUSA é o encargado dos traballos de mantemento das áreas. En total 30 xardiñeiros ocupánse da limpeza e adecuación das áreas verdes durante todo o ano e dun xeito constante, explicou Sotuela. Limpeza do río Fervedoira O Deputado da Área de Urbanismo desprazouse ata o río Fervedoira para supervisar os traballos de limpeza de maleza e de sedimentos do seu leito. O río atravesa unha das zonas verdes nas que está a traballar o persoal de SUPLUSA, un parque periurbano con moita afluencia de público. Miguel Ángel Sotuela indicou que esta actuación enmárcarse dentro do obxectivo de embelecer e poñer en valor as zonas verdes dunha provincia marcada polo medio ambiente. O pasado martes, día 12, iniciamos os traballos de limpeza de maleza do leito do río, co que estamos evitando desbordamentos por futuras choivas e melloramos o aspecto e saneamento do mesmo. Ó mesmo tempo estamos mantendo parte da vexetación, espadanas, xuncos… porque é necesaria para a cría das aves acuáticas. Os traballos prolongaranse un mes e abarcan os catro quilómetros de lonxitude que ten este afluente do Miño. Os operarios comezaron pola confluencia coa Avenida de Madrid e rematarán na estrada da Fonsagrada. O custe dos mesmos ascende a 8.000 euros. Renovación do parque móbil de SUPLUSA Outra das noticias dadas a coñecer por Miguel Ángel Sotuela é que Suplusa celebrou este mércores a mesa de contratación para a adquisición de 24 novas máquinas, que permitán renovar e duplicar o seu parque móbil. Nos vindeiros días a Sociedade recibirá por un importe de 114.800 euros o novo material: 10 riders (tractores cortacéspede), 10 desbrozadoras, 2 sopladoras de folla e 2 cortacéspede profesionais. Neste senso, Sotuela subraiou que as novas máquinas permitirán que o mantemento das áreas sexa máis efectivo e eficaz. Ata o de agora, a Sociedade dispoñía dun material insuficiente, tanto en número como en calidade para poder realizar os traballos de mantemento de todas as zonas verdes da provincia, xa que só contaba con 6 cortacéspedes e varias desbrozadoras de man.