Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participou na inauguración das novas instalacións da Fundación Lucus Augusti

A sede da Fundación é froito da rehabilitación de dous inmobles situados na Praza do Campo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este martes na inauguración das novas instalacións da Fundación Lucus Augusti, dependentes da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo (APEC). Gómez Besteiro resaltou a importancia da posta en marcha destas instalacións da zona monumental. “Eu recordaría o ano 99 cando non había case ningunha case rehabilitada. Este detalle de meterse no corazón da cidade permitirá consolidar o traballo tan importante que se fai desde a Asociación”. A sede, ubicada na Praza do Campo é froito da rehabilitación de dous inmobles situados en dita praza, e responde ó compromiso asumido no seu día por esta Fundación na liña de colaborar na recuperación do casco histórico. Neste senso, o máximo mandatario provincial ofreceu o apoio da institución que preside a cantas iniciativas xurdan nesta liña, xa que “con estas instalacións uníronse dúas edificacións e isto queda para a posteridade, converténdose nun legado impagable e importante”. O acto de inauguración contou tamén coa presenza do Alcalde de Lugo, José López Orozco, do Subdelegado do Goberno, Jesús Otero e do Presidente da APEC, Hipólito Trinidad. Precisamante, Trinidad agradeceu ós presentes a súa asistencia, ó tempo que reafirmou o compromiso adquirido na rehabilitación dos cascos históricos e expuxo os proxectos de futuro da súa Asociación, entre os que se inclúen unha rede de gardeirías para os fillos dos traballadores do sector e un centro da terceira idade. Pola súa banda, o Alcalde da cidade, resaltou a importancia de que as institucións se impliquen na recuperación do casco histórico. A continuación serviuse un viño na Praza do Campo ó que asistiron invitados ó acto, así como veciños da zona e viandantes.