Deputación de Lugo

Entran en funcionamento os locais dos grupos políticos da Deputación

Gómez Besteiro destacou que “por primeira vez na historia da instituación provincial os tres partidos contan con locais propios para desenvolver a súa actividade”

O Deputado de Réxime Interior amosou as novas instalacións ós voceiros dos tres grupos políticos O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado da Área de Recursos Humanos, Formación e Réxime Interior, Melchor Roel, visitaron este luns as Oficinas Xerais da Deputación, ubicadas no cuarto andar do edificio 5-6-7 da praza de Santo Domingo. As novas instalacións albergan os locais dos tres grupos políticos con presenza na Corporación provincial, ademais dos Servizos de Prevención de Riscos Laborais e Réxime Interior e Mantemento e dos Comités de Empresa e Persoal. Gómez Besteiro destacou que “hoxe é un día importante para a Deputación, pero sobre todo para os grupos políticos que a integran. Por primeira vez na historia da institución provincial os tres partidos dispoñen de locais propios”. As novas oficinas ocupan unha extensión de 400 metros cadrados Todas dispoñen do mesmo tipo de mobiliario e de equipos informáticos, que permitirán o desenvolvemento da actividade diaria dos partidos e do resto dos Servizos. “Deste xeito, todos quedamos en igualdade de condicións, todos cos mesmos postos de traballo e todos teremos as dotacións necesarias para desenvolver o nosa actividade”, engadiu Gómez Besteiro. Previamente, Melchor Roel, amosou ós voceiros do PP (José María González Barcia), PSOE (Antonio Gato Soengas) e BNG (Antonio Veiga), as novas instalacións provinciais. A este respecto, o máximo mandatario provincial sinalou que “o lugar no que nos atopamos era empregado no pasado como despacho para uso do Presidente. Agora cedemos estas oficinas e poñémolas a disposición dos tres partidos. Aproveitamos un edificio que estaba infrautilizado. É un lugar cómodo, céntrico e conta cunha ubicación correcta ó estar preto do Pazo Provincial”. O máximo mandatario provincial subraiou que dotar de locais ós grupos políticos era outra débeda que tiña pendente a Deputación. A este respecto, o titular provincial indicou que “primeiro comezamos por prestar atención ó cidadán e ós Concellos creando a Área de Cooperación cos Concellos, logo asentamos ó funcionariado e, agora, habilitamos un lugar propio para os partidos políticos”.