Deputación de Lugo

40 nenos dos campamentos de verán en Lugo visitaron o Centro de Interpretación do Miño

Rapaces de 9 a 12 anos participaron nunha visita guiada na que se amosaron as principais características da Reserva Terras do Miño

40 nenos, con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos, visitaron este xoves o Centro de Interpretación Terras do Miño, así como o entorno do Paseo do río Rato. A actividade enmárcase dentro do programa previsto polos campamentos xuvenís que organiza este verán o Concello de Lugo en colaboración co INLUDES. Deste xeito, técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social amosaron ós participantes dos campamentos a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribera, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. O obxectivo desta actividade é promover o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico máis próximo ós nenos. Ademais, esta iniciativa enmárcase dentro do obxectivo da Deputación, a través do INLUDES, de dar a coñecer este espazo natural, incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera o 7 de novembro de 2002. Con 363.669 hectáreas, Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.