Deputación de Lugo

A Deputación cede ó Concello de Lugo o uso do espazo para a construción da praza de San Marcos

O Pleno provincial aproba o convenio de colaboración do Plan Urban que tamén inclúe a apertura dos xardíns para disfrute dos cidadáns

A Deputación anula a venda da “Residencia Miño” por incumprimento do contrato por parte da empresa adxudicataria O Pleno da Deputación acordou este martes a cesión do uso dos espazos situados fronte a fachada do Pazo Provincial e os calexóns laterais ata a muralla para o seu acondicionamento, co obxectivo de destinalo a uso público. Esta cesión está incluída no convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Lugo aprobado hoxe pola Corporación para a execución de diversas medidas dentro do Plan Urban. A cesión do uso destas parcelas permitirá a construción dunha praza na rúa San Marcos e o acceso público, durante o día, ós xardíns que dan á Muralla. Deste xeito, a Deputación súmase ó proxecto do Concello de Lugo de habilitar un Paseo Interior. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que “así se atende unha demanda tanto tempo demandada pola cidadanía”. O organismo provincial aporta 3 millóns de euros a este proxecto europeo, que ten un orzamento total de 16 millóns. Entre as súas prioridades está a recuperación de espazos públicos para completar a rehabilitación do Caso Histórico da capital da provincia. Residencia Miño A Corporación tamén acordou a resolución do contrato de venda do edificio da “Residencia Miño”, que fora adxudicado en 2007 a Moexpa Grupo Inmobilidario por 962.000 euros. Esta decisión tomouse logo de que a empresa non comparecese ó pagamento nin ó outorgamento da escritura de venda, incumprindo as obrigas establecidas no prego de condicións. Ademais, desestímase a petición de devolución do aval presentada por valor de 38.480 euros, xa que este constituía a fianza pactada precisamente en garantía do cumprimento de contrato. O Pleno da Deputación Provincial de Lugo aprobou en 2007 a adxudicación da antiga “Residencia Miño” a única empresa que concorrera á poxa convocada pola institución. O inmoble está ubicado na Tolda, no Concello de Lugo e o solar ten unha superficie de 2.793 metros cadrados. A superficie total construída deste complexo é de 1.374 metros cadrados e ten 50 habitacións. A Deputación de Lugo comprou estas instalacións en 1984 por 96 millóns das antigas pesetas. O inmoble foi adquirido co obxectivo de desconxestionar o psiquiátrico de San Rafael e convertelo nunha residencia para persoas da terceira idade con enfermidades mentais. Sen embargo, este proxecto non se chegou a materializar. O edificio destinouse a residencia universitaria e mesmo chegou a acoller deportistas. Na actualidade o edificio leva varios anos pechado.