Deputación de Lugo

Veciños de Lugo, Meira, Friol e Sarria participarán esta semana no programa de visitas “Km0”

A Ribeira Sacra e A Mariña son os destinos das catro rutas organizadas ata o venres

A Ribeira Sacra e A Mariña son os destinos das catro rutas incluídas esta semana dentro de “Km0”. Veciños de Lugo, Meira, Friol e Sarria participarán desde hoxe e ata o venres no programa de visitas institucionais que promove a Deputación co obxectivo de dar a coñecer ós lucenses o traballo que está a desenvolver a institución provincial, así como a riqueza patrimonial, paisaxísitica e medioambiental de Lugo. A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibiu este martes no Pazo provincial de San Marcos a un grupo das Aulas da Terceira Idade de Lugo que elexiu unha das rutas máis demandadas de “Km0”. Despois de visitar o pazo provincial, os participantes na vista de hoxe percorreron as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño onde puideron coñecer as actividades que se desenvolven nestas instalacións dependentes do INLUDES. A continuación desprazáronse ata a Ribeira Sacra para facer unha ruta fluvial en catarmarán polos canóns do Sil e visitar a área dos Muíños de Xábregas en Arxemil. O Centro de Artesanía e Deseño e A Ribeira Sacra tamén forman parte da ruta que elexiu para mañá mércores a Asociación de Pensionistas e Xubilados de Santa María de Meira. Visitarán varias adegas de Amandi e farán un percorrido a pé ata a Pena do Castelo. O xoves, 2 de outubro, será un grupo da asociación Camiña con Nós o que participe en “Km0”. Neste caso coñecerán as instalacións do museo da oleiría de Bonxe e viaxarán á Mariña. Visitarán as praias da Rapadoira e Llas, en Foz, e os Hórreos de Cosme e a Capela de San Bartolo en Barreiros. O venres tamén haberá unha visita dentro deste programa solicitada polos servizos sociais do Concello de Sarria. Os participantes visitarán o Mazo de Santa Comba e Burela. No Concello mariñán percorrerán as instalacións do porto, darán un paseo ata a praia da Marosa, visitarán o barco-museo boniteiro da Reina del Carmen e subirán ó mirador do Castelo.