Deputación de Lugo

O Vicepresidente Primeiro da Deputación de Lugo fai patente o apoio das áreas gobernadas polo BNG ao manifesto Polo dereito a vivirmos en galego

O Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, comunicou esta adhesión ao manifesto emitido pola MESA e anima a tódolos lugueses e luguesas a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo en Santiago

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, informou hoxe da adhesión das Áreas de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo ao manifesto Polo dereito a vivirmos en galego. Neste manifesto a Mesa pola Normalización Lingüística convoca ao conxunto da sociedade a mobilizarse en defensa do idioma galego. Antón Bao sinalou que “dende as institucións debemos de atender e defender o dereito dos galegos e galegas a poder expresarse na súa lingua en todos os ámbitos da vida”. Antón Bao animou a todos os lugueses e luguesas a participar na manifestación que terá lugar o próximo domingo 18 de maio en Santiago de Compostela segundo Bao “necesitamos facer patente ante a sociedade o noso dereito a vivir en galego”. Tras a manifestación, na praza do Toural de Santiago de Compostela celebrarase unha Festa da Lingua, con actividades circenses e musicais pensadas singularmente para as nenas e os nenos, completando a que se prevé que sexa unha intensa xornada lúdica e reivindicativa en defensa do idioma propio de Galiza. (Nota: Axuntase copia do manifesto e foto de Antón Bao) Manifesto: POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos: 1. Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade. 2. Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas. 3. Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos. 4. Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.