Deputación de Lugo

O Consello Reitor do INLUDES reúnese mañá para aprobar os presupostos do ano 2008

Imaxe deputación de lugo
Os orzamentos serán dados a coñecer este mércores, así como as principais partidas presupostarias

O Consello Reitor do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social reunirase este mércores para debatir e aprobar os presupostos do INLUDES para o ano 2008. Deste xeito, a cantidade orzamentaria e, dentro desta, as partidas máis destacadas, serán dadas a coñecer pola tarde durante o encontro que o Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, manterán cos medios de comunicación. Os dous mandatarios provinciais darán conta dos asuntos tratados na reunión, así como dos primeiros presupostos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social, organismo autónomo dependente da Deputación, elaborados polo novo equipo de goberno para o vindeiro exercicio. A súa aprobación producirase logo de que no pasado mes de abril quedase constituído o novo Consello Reitor, formado polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, e 12 vogais, seis deles Deputados provinciais –Lara Méndez, Regina Polín, Juan José Díaz Valiño, Ricardo Parada Mariñas, María Xosé Vega Buján e José Manuel Barreiro Fernández- e outros seis de libre designación cos que o equipo de goberno procurou unha representación territorial equilibrada, donde estea presente toda a provincia: Horacio Rouco, Alcalde de Palas de Rei, representando á zona oeste de Lugo; Manuel Dacosta, rexedor de Pantón, á zona sur; Miguel Ángel López Varela, Alcalde de Outeiro de Rei, ó centro e á Terra Chá; e José López Fontal á zona da montaña luguesa como Alcalde de Folgoso do Courel. Pola súa banda, o BNG quedou representado por Xosé Luis Devesa Novo e por Xosé Paleo Rodríguez. Na orde do día tamén figura que os membros do Consello Reitor tamén aprobarán outros proxectos destinados á protección natural e cultural da provincia.