Deputación de Lugo

A Deputación destina este ano 4.600.000 de euros a expropiacións en vías provinciais

A Área de Infraestruturas pon en marcha un plan de rebacheo das estradas provinciais coa localizacion de todas as fochancas

A Deputación destina este ano 4.600.000 euros a expropoacións en vías provinciais, segundo se recolle no Orzamento aprobado inicialmente o pasado martes. Este dato foi destacado polo voceiro do grupo provincial do PSOE, Antonio Gato Soengas, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que se aprobaron varios asuntos relacionados con expropiacións en obras de Abadín, Sarria, Lourenzá e Trabada correspondentes ós anos 2005 e 2006. Gato Soengas dixo que o traballo que está a desenvolver o actual equipo de goberno permite “a posta a disposición de terreos ás empresas contratadas ou mesmo coa contratación de proxectos que non se podían realizar porque non se acometían as expropiacións necesarias”. Por outra banda, o voceiro socialista anunciou un plan para a eliminación de fochancas nas estradas provinciais. “Os capataces da área de Infraestruturas desenvolveron un traballo exhaustivo nos máis de 4.000 quilómetros da rede provincial sinalando con spray as fochancas que hai en toda a rede. Este importante esforzo permitiu a localización e avaliación do estado no que se atopan as vías dependentes da Deputación”. Ademais, a sinalización das fochancas falicitará o traballo das empresas contratadas polo organismo provincial para o mantemento das estradas, que son as encargadas da súa eliminación. Presupostos Con respecto ás críticas do PP ó Orzamento do novo equipo de goberno, Gato Soengas dixo que “os populares ofrecen un conxunto de tópicos que son propios de alguén que está desorientado e sen proxectos”. Para Gato Soengas “é moi fácil alardear dunha economía saneada cando non se gastaba porque non había ideas”. O voceiro socialista afirmou que “os bos xestores son os que esgotan os presupostos e mesmo se endebedan sempre e cando sexa en proxectos beneficiosos para os veciños”. Sinatura convenio canon de Chantada Antonio Gato anunciou que o vindeiro luns, ás doce, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Chantada, ManueL Anxo Tabaoda, asinarán o convenio para o pago do canon hidroeléctrico de Chantada. “Este é un compromiso do no novo equipo de goberno que pon fin á postura tozuda que matiña o PP”. O acto terá un marcado carácter institucional co obxectivo transmitir a todos os chantadinos, a través do seu Alcalde, o compromiso da Deputación co Concello de Chantada. Manuel Taboada será recibido polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, no primeiro andar do Pazo de San Marcos. Na Sala de Xuntas saudará ós voceiros dos grupos políticos, asinará no Libro de Ouro e recibirá a Insignia de Ouro da institución. A continuación, Gómez Besteiro e Manuel Anxo Taboada asinaran o convenio no Salón de Plenos. Folga de limpeza En relación á folga dos traballadores das adxudicatarias de limpeza na Deputación, Antonio Gato lembrou que “os responsables deste serivzo son as dúas empresas, e en ningún caso a Deputación, que non ten asinado ningún contrato cos empregados que se están a manifestar estes días”. Por tanto, o voceiro socialista dixo que “os tiros deberían dirixilos a outro sitio”. Gato Soengas afirmou que a Deputación ten a obriga de garantir un bo servizo de limpeza “e no caso de que esto non se produza, podería plantexarse unha nova fórmula de xestión, incluso a convocatora de prazas”. O voceiro do PSOE fixo un chamamento ós empregados para que plantexen os seus problemas salariais e as súas reivindicacións a quen lle corresponde, que é a empresa que os contrata”.