Deputación de Lugo

Gómez Besteiro convoca ós Alcaldes para ofrecerlles a cooperación da Deputación na tramitación do Fondo Estatal de Investimento Local

Imaxe deputación de lugo
A Deputación respaldará ós Concellos na execución deste Fondo co obxectivo de que non perdan nin un só euro deste financiamento

A xuntaza, na que tamén participará o Subdelegado do Goberno, terá lugar mañá ás 17:00 horas no Pazo de San Marcos O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, reuniranse mañá cos Alcaldes da provincia para explicarlles todos os detalles vencellados ó Fondo Estatal de Investimento Local aprobado polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e que está dotado con 8.000 millóns de euros. Gómez Besteiro destacará o papel da Deputación de Lugo, que poñerá a disposición das Entidades Locais os servizos provinciais para prestarlles asistencia e cooperación xurídica na presentación e xestión de solicitudes de financiamento. O obxectivo do Presidente provincial é que ningún Concello da nosa provincia que conte co respaldo da Deputación perda un só euro deste Fondo, e que todos os proxectos presentados ó mesmo sexan executados nos prazos esixidos na convocatoria. Aproveitar os prazos ó máximo Gómez Besteiro enviou unha carta a todos os rexedores da provincia para convidalos a que asistan ó encontro, que terá lugar ás 17:00 horas no Salón de Plenos do Pazo Provincial. A xuntanza, de carácter extraordinario e urxente, pretende aproveitar ó máximo todos os prazos. Desde hoxe, 10 de decembro, ata o 24 de xaneiro, estará aberto o prazo para que os Concellos presenten as solicitudes de financiamento. O pasado 2 de decembro publicouse no Boletín Oficial do Estado o Real Decreto polo que se crea o Fondo Estatal de Investimento Local que ten por obxectivo a realización, por parte dos Concellos, de investimentos xeradores de emprego. As obras financiables deberán ser de competencia municipal e dun valor inferior ós 5 millóns de euros. Terán que ser de nova planificación, e polo tanto, que non estean previstas no presuposto da entidade para 2009.