Deputación de Lugo

A Fundación TIC colaborará na gravación dun disco da Escola de Música de Pobra de Brollón

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación e os responsables da produtora CICLORAMA asinaron un convenio de colaboración para promover a centro educativo municipal de Samoeiro

Titulados da Escola de Imaxe e Son terán a posibilidade de participar nunha gravación musical profesional, a través do programa de bolsas da Fundación TIC O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro e os responsables da produtora monfortina CICLORAMA, Alexandro González e Manuel Valcárcel, asinaron este mércores un convenio de colaboración para realizar a gravación dun CD con cancións da Escola de Música, Danza e Artes Escénicas da Pobra de Brollón. O acordo ten como obxectivo apoiar diferentes accións de produción e difusión da Escola Municipal Samoeiro ó tempo que se favorece a promoción da provincia de Lugo e o seu legado cultural. Titulados da Escola de Imaxe e Son de Lugo formarán parte do equipo técnico da empresa de producións artísticas, a través do programa de bolsas remuneradas da Fundación TIC. O proxecto permitirá ós bolseiros e ós alumnos da EIS completar a súa experiencia formativa. Con este convenio subscrito pola Fundación TIC, a Deputación de Lugo dá un novo impulso á relación que a EIS mantén co sector empresarial para a realización de prácticas dos seus alumnos e na procura da súa inserción laboral ó remate dos seus estudos. Na actualidade, a TIC está a traballar con máis de sesenta empresas nacionais e mantén convenios de colaboración cunha decena de entidades sociais, para difundir o seu labor sen ánimo de lucro. Actuacións musicais A sinatura do convenio tivo lugar en Salcedo, en Pobra de Brollón. O acto incluiu actuacións da Coral desta localidade, formada na súa meirande parte por xubilados do municipio, e do grupo de intérpretes de acordeón, que reciben formación no centro educativo. A Escola de Música, Danza e Artes escénicas Samoeiro foi creada hai dous anos grazas á iniciativa do Concello da Pobra de Brollón. Na actualidade, máis de setenta alumnos, a partir de cinco anos de idade, cursan estudos de percusión galega, gaita, acordeón, baile tradicional e canto. Ademais, este curso engadiuse unha nova disciplina, a de piano. A Escola leva o nome de Samoeiro, en memoria da asociación cultural que hai uns dezasete anos puxo en marcha o grupo de gaitas da Pobra de Brollón.