Deputación de Lugo

Deputación e Consellería de Traballo poñen en marcha dous cursos incluídos no Plan FIP

A Vicepresidenta Segunda e o Delegado de Traballo en Lugo inauguraron oficialmente os cursos que contan cun orzamento de 65.000 euros

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Delegado da Consellería de Traballo en Lugo, Miguel Vázquez Calvo, inauguraron oficialmente este luns os dous cursos de Formación Ocupacional destinados a persoas en situación de desemprego que poñen en marcha ámbalas dúas administracións, e que se imparten na aula de formación do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social. O INLUDES solicitou estes cursos, Técnico en Enerxías Renovables e Iniciación á Rede Internet, ó Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (FIP). Están subvencionados pola Consellería de Traballo, a través do Fondo Social Europeo, e contan cun orzamento de 65.000 euros. Promovidos e executados polo INLUDES, enmárcanse dentro do obxectivo que o organismo dependente da Deputación comparte coa Xunta de Galicia de “apoiar o emprego a través de políticas de formación, facilitando así a formación profesional de desempregados para conseguir a súa inserción laboral”, subraiou Lara Méndez. Os cursos inclúense dentro do plan de formación que a Consellería de Traballo ten previsto para Lugo. Nestes momentos, o departamento autonómico ten adxudicados para o ano 2008 preto de 200 cursos na provincia e investirá nesta actuación, da que se beneficiarán 2000 persoas, case 10 millóns de euros. Os obradoiros son impartidos por diversas entidades e nos centros propios que a Consellería ten en Lugo, Viveiro e Monforte. Neste senso, o Delegado de Traballo dixo que “a finalidade é atender ós requerimentos de produtividade e de competitividade das empresas ofrecendo ós traballadores unha formación axustada ás necesidades do mercado laboral”. O responsable de Traballo en Lugo explicou que a formación nas ocupacións de contido social están gañando peso entre os demandantes. É o caso, dixo, das profesións especializadas na atención en Alzheimer, axuda a domicilio, auxiliar de enfermería, coidador para discapacitados físicos e psíquicos, pero tamén as que están orientadas ó uso de novas tecnoloxías e o de fontes de enerxía, como o de instalador de sistemas de enerxía solar térmica, técnicos de enerxías renovables ou mesmo as xa habituais como as de mecánico de vehículos, electricista de edificios e a de cociñeiro, no mundo da hostalería. Vázquez Calvo sinalou, ademais, que a Consellería está a levar a cabo “itinerarios personalizados de inserción”, a través de entrevistas entre o interesado e o persoal cualificado, de xeito que dependendo do perfil, os alumnos reciben unha compensación económica. Neste senso, as persoas con cargas familiares reciben o 100% da subvención do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Públicos), establecido en 517 euros ó mes. No caso dos parados de longa duración e empregados da construción do metal e da madeira é do 75%. O resto dos participantes reciben unha bolsa diaria de 6 euros para cubrir os gastos de transporte. Contido dos cursos Os cursos que Lara Méndez e Miguel Vázquez Calvo inauguraron hoxe responden a dúas especialidades altamente demandadas polo sistema produtivo da nosa provincia, de aí que se cubrisen todas as prazas. Ofértanse 15 por curso e os participantes son desempregados ou persoas con problemas de inserción laboral. O curso de Técnico en Enerxías Renovables é a primeira vez que se imparte no INLUDES e ten 415 horas. Comezou o 12 de maio e rematará o 19 de setembro. Desenvólvese de 9:00 a 13:30 horas. No caso do de Iniciación á Rede da Internet, impártese de 16:30 a 21:00 horas desde o 12 de maio ata o 4 de xuño. Consta de 75 horas. Neste senso, a Vicepresidenta Segunda destacou que “estes cursos cobran máis importancia, se cabe, pola súa temática, xa que inclúen nichos de mercado en auxe que poden ter unha incidencia importante na inserción laboral por tratar especialidades tan demandadas no mercado real, como as enerxías renovables e as novas tecnoloxías”. Durante o desenvolvemento destas actividades formativas inclúense coñecementos de Orientación Laboral, ademais dos contidos propios: técnicas de busca de emprego, características do mercado de traballo, itinerario formativo que cada alumno debe seguir, plans de inserción laboral, axudas ó autoemprego, elaboración do currículo. A Vicepresidenta Segunda salientou que a intención “é ofrecer a mellor formación para insertarse no mercado laboral e que non haxa dispariedade entre a formación teórica e a práctica”. Asimesmo, impártense as materias propias de cada especialidade: A) Técnico de Enerxías Renovables. Inclúe os seguintes módulos: - Análise de rendibilidade dun proxecto de investimento - Radiación solar - Enerxía eólica - Enerxía solar Pasiva - Enerxía solar Térmica - Electrificación fotovoltaica e eólica - Minicentrais - Biomasa residual - Formación para a igualdade - Alfabetización informática: informática e Internet B) Iniciación á Rede Internet: - Concepto e funcionamento da Internet - Servizos e aplicacións da Internet - Formación para a igualdade - Sensibilización ambiental A selección inicial foi realizada pola Oficina de Emprego, xa que os destinatarios son persoas en situación de desemprego que están inscritas no Servizo Galego de Colocación.