Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno aproba a contratación de tres obras que foran rescindidas “pola desidia do anterior equipo de goberno que non puxo os terreos a disposición das empresas”

As obras do Plan de Comunidades Veciñais de 2008 deberán estar xustificadas en marzo do ano que vén para garantir unha maior eficacia

Unhas 300 obras de entidades e asociacións de veciños de toda a provincia poderán acollerse ó Plan de Cooperación con Comunidades Veciñais de 2008, ó que se destinan 2,2 millóns de euros. Estas son as estimacións feitas polo Delegado da Área de Cooperación cos Concellos e voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno. Unha das principais novidades deste ano é que todas as obras deberán estar xustificadas en marzo de 2009, segundo establecen as bases da convocatoria publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 28 de xullo, e que poden consultarse na páxina web da Deputación. “Nestas bases fíxanse prazos moi acotados e esíxese efectividade para evitar o que pasaba todos os anos, como agora, que aínda estamos a pagar obras correspondentes a 2005”, dixo Gato Soengas. Segundo destacou o voceiro socialista, a data límite para presentar as solicitudes é o 15 de outubro. “As entidades e asociacións veciñais terán que darse prisa para elaborar as memorias xustificativas e, ó mesmo tempo, achegar á Deputación toda a documentación necesaria”, apuntou o voceiro socialista que tamén subliñou que as obras deberán estar rematadas o 31 de decembro deste ano. “Ademais, o prazo para a xustificación do investimento acúrtase a tres meses. Queremos que as entidades asociativas e as asociación de veciños saiban que agora hai rigor e datas límite que hai que observar porque senón corren o risco de perder a subvención. Pedimos dilixencia para que non teñamos que aboar estas subvencións en 2010 ou 2012 como está sucedendo agora”. Antonio Gato temén dixo que “queremos que sexa un Plan eficiente e eficaz e que cando os funcionarios vaian a comprobar a obra, esta poida verse fisicamente e non como ocurre agora que, nalgúns casos, isto é moi difícil”. Acordos Xunta de Goberno A Xunta de Goberno aprobou este venres, precisamente, 7 contas xustificativas de obras correspondentes ós Plans de Cooperación con Comunidades Veciñais dos anos 2006 e 2007. En total, os proxectos suman 78.438 euros, dos que a Deputación achega 44.876. As obras son de comunidades pertencentes ós Concellos de Chantada, A Fonsagrada, Láncara, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Riotorto e Sober. Ademais aprobouse a contratación de tres obras correspondentes ó POS 2005. Nos tres casos, os proxectos xa foran adxudicados pero tiñeron que ser rescindidos porque a Deputación non puxo os terreos a disposición das empresas no prazo legalmente previsto. Esta resolución dos contratos, realizada a petición das construtoras, supuxo ó organismo provincial o pagamento dunha indemnización do 2% do prezo de adxudicación. “Agora hai un quebranto económico provocado pola desidia do anterior equipo de goberno que non foi quen de xestionar axeitadamente para poñer os terreos a disposición das empresas. Esto supuxo un perxuizo grave así como un retraso na execución das obras”. Os proxectos volven sacarse a contratación co prezo previsto inicialmente. Entre os tres suman 435.961 euros. Tamén se deu o visto e prace ó plan de seguridade e saúde do proxecto de cuberta para o campo de fútbol de Castro Riberas de Lea así como os acordos acadados no expedente expropatorio da obra do POS 2006 de ancheamento e mellora do treito comprendido entre os puntos quilométricos 19,300 e 20,500 da estrada Chantada- Antas de Ulla.