Deputación de Lugo

A Ribeira Sacra e o Centro de Artesanía e Deseño, destinos da primeira visita de Km0

O Presidente da Deputación recibiu no CENTRAD a un grupo do Clube Cultural-Valle Inclán co que se inaugurou este programa

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu no Centro de Artesanía e Deseño, dependente do INLUDES, ó grupo do Club Cultural Valle-Inclán co que se inaugurou o programa de visitas Km0 que promove o organismo provincial. O CENTRAD foi o centro provincial elexido por esta agrupación para a visita complementaria. Ademais optaron pola ruta da Ribeira Sacra. Gómez Besteiro explicou ós primeiros participantes de Km0 a finalidade desta inicitiva, que pretende dar a coñecer ós lucenses tanto o traballo que está a desenvolver a Deputación como os atractivos paisaxísticos e patrimoniais da nosa provincia. “Hai moitas rutas que eu mesmo descoñecía, e coñecer o que temos é o mellor xeito de valoralo. Quremos que os lucenses se impliquen na promoción de Lugo”. O máximo responsable da Deputación afirmou que “abordamos este proxecto con moita ilusión e agardamos que sexa un éxito xa que estamos convencidos de que redundará en beneficio da economía da provincia”. Ademais, destacou o vencellamento de Km0 co medio ambiente. “Somos concientes da importancia que ten o medio ambiente para acadar un desenvolvemento sostible da nosa provincia. Non debemos esquecer que os fondos europeos son agora máis selectivos e están orientados, sobre todo, ó eido medioambiental”. En canto ó CENTRAD, Gómez Besteiro destacou o traballo que está a facer este centro en beneficio dos artesáns de Lugo. “Ademais, estas instalacións acollen pequenas xoias de artesanía que é bon que os lugueses coñezan”. Pola súa banda, Tonina Gay, en nome do Clube Cultural Valle-Inclán, felicitou á Deputación por esta iniciativa e brindou a colaboración desta agrupación para que Km0 sexa todo un éxito. Ó remate da visita ó Centro de Artesanía e Deseño, o grupo desprazouse ata a Ribeira Sacra para coñecer os Chancís, os molinos de Xábrega, os miradores de Cadeiras e Pena do Castelo e Doade.