Deputación de Lugo

A Presidenta en funcións da Deputación fai a ofrenda da asociación de emigrantes O Penedo na catedral de Lugo

Lara Méndez loubou o traballo desenvolvido durante 25 anos por esta agrupación de galegos en Barcelona

Os membros do Penedo Fogar Galego foron recibidos no Pazo de San Marcos A Presidenta da Deputación en funcións, Lara Méndez, fixo este venres a ofrenda da asociación de emigrantes galegos en Barcelona O Penedo Fogar Galego, que este ano cumpre o seu 25 aniversario. Ó acto, celebrado na catedral de Lugo, asistiron varios membros desta agrupación que cada ano organiza a súa festa maior nunha provincia galega, e que nesta ocasión elexiu Lugo para celebrar as súas vodas de prata. Ó remate da misa, e despois de visitar a Casa Consistorial do Concello de Lugo, os membros da asociación foron recibidos por Lara Méndez no salón de actos do Pazo de San Marcos. Tralas intervencións, a máxima responsable da Deputación en funcións entregou á presidenta do Penedo, Yolanda Díaz, unha reprodución dunha zanfona que foi elaborada no Centro de Artesanía e Deseño dependente do INLUDES. OFRENDA NA CATEDRAL EN NOME DO PENEDO-FOGAR GALEGO A Asociación O Penedo Fogar Galego cumpre este ano o seu 25 aniversario, e estamos moi agradecidos de que elixisen Lugo para celebrar as súas Vodas de Prata. Con esta Ofrenda na Catedral queremos darlles as grazas pola súa compañía e tamén pola súa solidariedade con esta, a nosa querida provincia. E neste día queremos lembrar a todos os lugueses que, ó longo das últimas décadas, deixaron Galicia para buscar un futuro mellor. Merecen un especial recoñecemento porque sempre seguiron vencellados á terra que os viu nacer, sempre continuaron pendentes da provincia de Lugo para poder axudala desde onde estivesen. Os nosos emigrantes foron, e seguen a ser, os mellores embaixadores da nosa provincia. EMBAIXADORES con maiúsculas. Permítanme que comparta con vosotedes unha experiencia persoal. Fun emigrante e pertenzo a unha desas tantas familias que buscaron un camiño mellor. Tiven o privilexio de formar parte dunha agrupación folclórica que percorreu moitos países, visitando ás comunidades galegas. Por todo isto, coñezo de primeira man os sentimentos que inundan ós galegos que tivemos que emigrar e o que se sinte ó regresar. A Galicia actual non podería entenderse sen o fenómeno da emigración. Cada un dos galegos, dos lugueses, que tiveron que marchar... entregaron o mellor de si mesmos. Galicia segue viva nos seus corazóns... e a emoción que sinten e moi difícil de describir con palabras. Co seu traballo contribuíron ó desenvolvemento da terra que os acolleu, pero tamén axudaron decisivamente a mellorar as condicións de vida dos que quedaron aquí. Foron valentes, tenaces e emprendedores e souberon integrarse nos países e nas Comunidades de adoptación sen perder o contacto coas súas raíces. Temos con todos vostedes, por tanto, unha gran débeda de gratitude. Pero este fenómeno non se limitou ó ámbito económico. Os emigrantes espallaron a nosa cultura e o noso xeito de entender a vida por todos os recunchos e, ó mesmo tempo, abriron unha xanela ó mundo ós demais galegos nunha época na que apenas existían medios de comunicación e, os que había, estaban reservados a uns poucos privilexiados. Hoxe non puido estar aquí o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xa que está de viaxe. Sei que sería enormemente feliz nun acto coma este, xa que lle gusta compartir cos galegos que viven en Cataluña os momentos de felicidade e aqueles que son máis difíciles. No seu nome, hoxe podo dicirlles que na Deputación de Lugo valoramos e reivindicamos nesta Ofrenda o labor que están a desempeñar vostedes. Queremos contribuír a que eses lazos se manteñan e se estreiten aínda máis. Debemos sumar esforzos para conseguir que as segundas e terceiras xeracións manteñan ese cordón umbilical que os une coa terra dos seus pais e dos seus avós. Pero tamén temos que traballar a favor do desenvolvemento da nosa provincia para que ningún lugués se vexa obrigado a marchar, como ocorría antes. Para que a chama de Galicia siga viva fóra da nosa Comunidade, é fundamental o labor altruísta que desenvolven asociacións como O Penedo Fogar Galego, que naceu en Barcelona por iniciativa dunha daquelas luguesas que tivo que emigrar, a sarriana Yolanda Díaz, que segue a ser a presidenta desta organización. O Penedo leva xa un cuarto de século traballando para manter vivo o espíritu de Galicia en Cataluña, una das comunidades españolas, xunto coa do País Vasco, que recibiu máis emigrantes lugueses. Como estamos na Catedral de Lugo, invoco á Virxe dos Ollos Grandes, patroa da Cidade, para que a Asociación do Penedo Fogar Galego siga a desenvolver o seu labor en prol de que Galicia e a súa cultura sigan vivas en Cataluña. Pido axuda á nosa Virxe para que non esmoreza a ilusión coa que os membros desta organización traballan no día a día, tendo un recordo especial para os que xa non están con nós. Que o camiño emprendido polos que hoxe nos acompañan continúe coas novas xeracións. ¡¡Moitas grazas!!