Deputación de Lugo

Lugo acollerá o Primeiro Salón do Cabalo de Pura Raza Española do 11 ó 14 deste mes

Gómez Besteiro destaca as perspectivas de negocio que ofrece a gandeiría cabalar na nosa provincia

Equigal, que se presentou no Pazo Provincial, incluirá espectáculos de máxima altura a nivel mundial O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acollerá Equigal, o Primeiro Salón Monográfico do Cabalo de Pura Raza Española, do 11 ó 14 de setembro, unha iniciativa coa que colabora a Deputación de Lugo. No acto de presentación este xoves no Pazo de San Marcos, o Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou a importancia desta iniciativa que “convertirá eses días a Lugo na capital do Cabalo de Pura Raza Española”. Gómez Besteiro destacou o importante peso que ten o sector da gandeiría na nosa provincia. Neste senso, afirmou que “a Deputación destina este ano, a través do INLUDES, preto de 3 millóns de euros ó capítulo de gandeiría e agricultura, no que o cabalo tamén está presente, xa que cada vez está a ter máis peso”. Ademais, destacou “as perspectivas de negocio que se abren na provincia que rendundarán en beneficio da nosa economía”. No acto de presentación tamén estiveron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, Eduardo Vidal, o presidente da Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), Ricardo Barros, o director de Aquigal, Arturo Fernández, e o director xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López. Programa de actividades Equigal contará con exposicións a cargo dalgunhas das principais gandeirías galegas e españolas, o primeiro concurso morfolóxico oficial, demostracións ecuestres, o Pony Club infantil, zona de lecer e o espectáculo ecuestre nocturno de Samuel López. O director xerente do recinto feiral, Rubén López, dixo que “este espectáculo raia a máxima altura a nivel mundial, e será en Lugo onde se poderá ver por primeira vez en Galicia”. Eguigal está organizado pola Fundación Feiras e Exposicións de Lugo e por un equipo específico que está especializado no mundo do cabalo. Conta co patrocinio da Deputación, o Concello de Lugo e a Consellería de Medio Ambiente. O Alcalde de Lugo, José López Orozco, amosou a súa satisfacción por que se elesixe esta cidade para celebrar o Salón, “un acontecemento artístico e cultural, pero tamén dunha grande importancia económica”. Pola súa banda, o delegado da Consellería de Medio Ambiente, Eduardo Vidal, amosou o seu convencemento de que Equigal se consolidará en vindeiras edicións. Volume de negocio Nos últimos anos, Galicia destaca por ser unha das comunidades españolas nas que más se incrementou o número de exemplares desta raza nas súas gandeirías. Na actualidade existen 1.300 criadores de cabalos de pura raza española en España e máis de 400 no resto do mundo. Estímase que a poboación mundial é de preto de 80.000 exemplares, criados en máis de 50 países de todo o mundo. Razas como os lipizzanos ou os lusitanos creáronse a partir do cabalo español Este gando xera en España un volume de negocio millonario. Entorno ó cabalo español xiran diversos sectores relacionados con eventos, concursos e certames; compra-venda de exemplares; venda de sangue para ó exterior destinada a mellorar tanto a propia raza como outras cabanas gandeiras; a venda ó comprador-xinete final etc. Orixe do Pura Raza Española A orixe do cabalo español é anterior á chegada dos romanos á península ibérica pero foi no reinado de Felipe II cando se poñen as bases definitivas para que o Pura Raza Española acade o seu apoxeo e sexa considerado como “Cabalo de Reis”. Tralo descubrimento de América, enviáronse numerosos exemplares a este continente, polo que é a a orixe e base da maioría das razas que posteriormente se criaron alí. Entre as súas características destaca a súa natureza noble que se adapta a calquera tipo de xinete así como as súas boas aptitudes para a cadeira, a facilidade para tourear e a súa especial condición para o manexo de vacún en explotacions de réxime extensivo.