Deputación de Lugo

O INLUDES promociona a Reserva da Biosfera “Terras do Miño” en Cervo

Imaxe deputación de lugo
A mostra “A Reserva Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza” permanecerá no Centro Cultural de Servizos á Cidadanía cervense

O INLUDES, organismo autónomo dependente da Deputación de Lugo, promociona a Reserva da Biosfera Terras do Miño en Cervo. A exposición “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza” permanecerá no Centro Cultural de Servizos á Cidadanía desde mañá ata finais do mes de agosto. A mostra amosa a bioxeografía de Terras do Miño, a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia no ano 2002. A exposición consta de debuxos e fotografías, así como doutro material audiovisual que amosa un resumo do labor realizado polo INLUDES en materia de educación ambiental, conservación e xestión do medio natural. A mostra inaugurouse no ano 2005 e desde entón estivo exposta ó público no Museo Provincial de Lugo, no Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito, no Centro de Interpretación Terras do Miño, no Auditorio de Mondoñedo, no IES Fontem Alobaei da Fonsagrada, na Casa da Cultura de Vegado (Asturias), na Escola Habanera de Guitiriz, na Biblioteca Municipal de Ribas de Sil, no edificio Multiusos de Monforte, Casa da Cultura de Lourenzá, na Feira de Artesanía de Outeiro de Rei e no Centro Multiusos de Barreiros. Unha vez rematada a estancia no municipio de Cervo, a exposición continuará o seu percorrido itinerante polos distintos Concellos da provincia co obxectivo de achegar ós escolares e á poboación en xeral conceptos como os de “Reserva da Biosfera” ou “Rede Natura 2000”.