Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda aposta pola promoción dos produtos gastronómicos de calidade

Lara Méndez participou na presentación da segunda festa do pemento do Couto que se celebrará esta fin de semana en Foz

40 hosteleiros do Concello focense participarán nesta festa gastronómica A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este xoves no Pazo de San Marcos na presentación da segunda festa do pemento do Couto que se celebrará esta fin de semana en Foz. Lara Méndez, que estivo acompañada polo Concelleiro de Cultura de Foz, Xaime Cancio, e o responsable da cooperativa Santa María do Val de Narón, José Leira, destacou que con esta festa gastronómica se acadan varios obxectivos: “por unha banda, atraer visitantes á Mariña, por outra, implicar ós hosteleiros de Foz e, por último, promocionar un produto de calidade como é o pemento do Couto, que se cultiva en Narón”. Neste senso, a responsable provincial afirmou que “a aposta polos produtos de calidade é o camiño que hai que seguir en Galicia, e polo que nos afecta a nós, na provincia de Lugo. A mellor forma de competir é ofrecendo calidade e, o mesmo tempo, promocionándoa para que coñezan o que temos, que é moito e bo”. 40 hosteleiros O Concelleiro de Cultura de Foz avanzou que participarán uns 40 hosteleiros da vila nesta festa gastronómica, “que contribuirán co seu bo facer, elaborando empanadas, tortillas, peixe, etc., pero tendo sempre o pemento do Couto como o principal protagonista”. Xaime Cancio tamén fixo referencia á colaboración entre o Concello de Foz e a cooperativa Santa María do Val de Narón que fai posible a celebración desta festa por segundo ano consecutivo, “e que entrega de balde o pemento que van empregar os hosteleiros”. Segundo os datos aportados polo representante de Santa María do Val, José Leira, cada establecemento recibirá 16 bolsas de pementos. Pemento do Couto O pemento do Couto é un produto único e de recoñecida calidade. O nome procede da parroquia do Concello de Narón, na provincia da Coruña, na que se cultiva. Ten forma semellante ó de Padrón pero non pica. A pasada campaña vendéronse 300.000 bolsas. A cooperativa Santa María do Val, que é a encargada da súa comercialización, naceu en 1973 e está formada por preto de 3.000 socios e medio centenar de produtores de horta.