Deputación de Lugo

Gómez Besteiro supervisou as obras das piscinas municipais de Pol construídas pola Deputación

A institución provincial destinou este ano 70.000 euros para o remate da infraestrutura que entrou hoxe en funcionamento

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este martes as obras das piscinas municipais do Concello de Pol construídas pola institución provincial e ubicadas na localidade de Mosteiro. Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde do municipio, Lino Rodríguez Ónega, realizou esta visita coincidindo coa celebración da décimo oitava edición da Festa dos Maiores do municipio chairego. A institución provincial financiou na súa totalidade a construción desta infraestrutura e foi a encargada da elaboración do proxecto. No ano 2008, a Deputación realizou unha achega de 70.000 euros, que serviu para rematar a construción das piscinas. En total, o organismo provincial destinou a este fin 470.000 euros. O máximo mandatario provincial sinalou que “hoxe é un bo día para vernos todos xuntos. Con esta visita demóstrase que traballamos conxuntamente ó final vense obras boas como esta”. O proxecto data de finais de 2006 e a obra foi adxudicada á empresa Construcións Carballeira. As piscinas quedan desde hoxe mesmo a disposición dos usuarios e estarán abertas ata mediados de setembro. O rexedor do Concello chairego destacou que “hoxe é un día importante. Había unha inquietude en Pol con estas piscinas e por fin vamos a disfrutar delas. Ademais, están financiadas na súa totalidade pola Deputación”. Neste exercicio, completouse a actuación que inclúe unha serie de melloras como o acondicionamento do céspede, instalación de alumeado público, bancos, así como a remodelación dos servizos e da pista polideportiva na que se poderá practicar tenis, balonmán, fútbol sala, baloncesto e voleibol. Rodríguez Ónega subliñou que “son unhas piscinas cómodas aínda que hai que mellorarlles algúnha cousa” ó tempo que pediu ós veciños que fosen respetuosos co seu uso. As instalacións inclúen unha piscina para adultos e outra para nenos, ademais de 14 duchas, varios lavabos e servizos adaptados a minusválidos. A de adultos ten unha lonxitude de 26 metros de longo por 11 de ancho e unha superficie de 286 metros cadrados. No caso da de nenos, a superficie é de 36 metros cadrados. Conta cunha lonxitude de 9 metros de longo e 4 de ancho. Festa dos Maiores de Pol A visita realizada polo máximo mandatario provincial ás piscinas de Pol enmárcase dentro dos actos de celebración da décimo oitava edición da Festa dos Maiores de Pol. No evento, organizado polo Concello, participaron máis de 400 persoas pertencentes a colectivos da terceira idade. Gómez Besteiro participou tamén na Misa e no xantar ofrecido polo Concello.