Deputación de Lugo

O INLUDES aproba as axudas do Programa de Apoio ó Tecido Empresarial destinadas a autónomos e PEMES

Imaxe deputación de lugo
Preto de 500 empresas beneficiaranse destas subvencións coas que a Deputación impulsa o sector produtivo da provincia

A Comisión Executiva do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) aprobará o vindeiro luns as axudas do Programa de Apoio ó Tecido Empresarial destinadas a autónomos e a PEMES da provincia que está dotado con preto de 700.000 euros. Unhas 500 empresas beneficiaranse destas subvencións e, dado o éxito acadado, o INLUDES contempla a súa renovación en 2009 co obxectivo de favorecer o desenvolvemento económico, a calidade no traballo e impulsar o sector produtivo da provincia. En total recibíronse preto de 1.900 solicitudes, de tal xeito que a maior parte dos beneficiarios son autónomos e Sociedades Limitadas. Entre estas dúas categorías sumaron 1616 solicitudes, ou o que é o mesmo: o 87,8% do total presentado a este programa de axudas promovido polo INLUDES. O Programa incluíu tres liñas de axuda: acceso á sociedade da información e da comunicación, consolidación e mellora do tecido empresarial e axudas para gastos de actividade, de tal xeito que a Deputación é unha das poucas institucións provinciais de España que subvenciona os gastos correntes deste colectivo, tales como recibos de luz ou do teléfono, pero tamén para outras cuestións como renovar os equipos informáticos, que lles vai permitir ós autónomos xestionar mellor os seus negocios, ou subvencións para renovar os seus locais.