Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación anuncia obras por preto de 1,6 millóns de euros que beneficiarán a 5 Concellos da Montaña

Gómez Besteiro visitou a estrada provincial que une O Cereixal e Louxas na que o organismo provincial acondicionará e ampliará 19 quilómetros

O máximo responsble provincial destaca “a importancia da mellora desta vía que dá servizo ós Concellos de Becerreá, Baralla, Baleira, Navia e A Fonsagrada” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, visitou este martes a estrada CP-0708, de Cereixal a Louxas, nos Concellos de Becerreá e A Fonsagrada, na que o organismo provincial realizará obras de mellora e ancheamento por valor de 1.589.857 euros. Gómez Besteiro, que estivo acompañado polo Deputado da Área de Infraestruturas e Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, dixo que “a Deputación fai un importante esforzo económico para acondicionar 19 quilómetros desta vía intermunicipal, unha obra moi importante e que era demandada polos Concellos desta zona da Montaña luguesa”. O máximo responsable provincial destacou que “imos investir máis de 250 millóns das antigas pesetas en arranxar preto de 20 quilómetros de estrada, co que se facilitará o tránsito ós veciños de Baralla, Baleira, A Fonsagrada, Navia de Suarna e Becerreá. Ampliarase a vía ata os 7 metros en moitos puntos, empregaranse materais de primeira e sinalizarase axeitadamente, co se beneficiarán os veciños da zona, que estarán máis preto da rede viaria principal. Pero ademais, tamén se favorece ó ecoturismo xa que os visitantes que se acheguen á Montaña de Lugo comprobarán que as comunicacións son máis doadas”. Pola súa ganda, Manuel Martínez dixo que “está é unha vía de moito tránsito dos veciños destes 5 minicipios e tamén é paso de camións con madeira, grandes tractores e máquinas quitaneves polo que é necesario que o firme estea ben asfaltado”. Ademais, o Alcalde de Becerreá apuntou que “moitas das vías locais que parten desta estrada provincial serán asfaltadas con aglomerado en quente grazas ó Fondo Estatal de Investimento Local que complementa a Deputación cun Fondo Extraordinario. Deste xeito, deixaremos unha parte importante das comunicacións da Montaña nunhas condicións óptimas grazas á Cooperación da Deputación cos Concellos da provincia”. Fondos propios da Deputación Segundo explicou Gómez Besteiro, as obras divídense en dous proxectos. O primerio treito da vía, entre os puntos quilométricos 0,000 e 10,000 conta cun orzamento de 776.315 euros que son financiados na súa totalidade con fondos propios da Deputación. Gómez Besteiro anunciou que nunha próxima Xunta de Goberno se aprobará a súa contratación. Polo que se refiere ó segundo treito, que vai do punto quilométrico 10,000 ó 19,000, xa foi adxudicado por 813.542 euros. Neste caso, o proxecto forma parte do POS 2008, polo Deputación aporta o 50% mentres que a outra mitade correponde ó Ministerio de Administracións Públicas. “Polo tanto, o organismo provincial vai investir preto de 1,2 millóns de euros de fondos propios na mellora desta estrada, que comunica os Concellos de Becerreá, Baleira, Baralla, A Fonsagrada e Navia de Suarna co obxectivo de que quede en perfectas condicións para os veciños da zona e de todos os usuarios”. Melloras na estrada Grazas a estas obras, a vía terá un metro máis de ancho, que oscilará entre os 6,5 e os 7 metros, segundo os treitos. Para ampliar a vía non serán necesarias expropiacións xa que se acondicionarán os arcéns, que teñen medio metro de ancho cada un. Ademais botarase unha dobre capa de aglomerado en quente en toda a calzada. O proxecto inclúe a sinalización horizontal e vertical da vía así como a colocación de elementos reflectantes e de biondas.