Deputación de Lugo

Gómez Besteiro cita ós empresarios da construción para axilizar os proxectos apoiados polo Fondo Extraordinario da Deputación

O Presidente provincial considera fundamental a implicación dos axentes socioeconómicos e continará a rolda de contactos cos sindicatos e os colexios profesionais

O máiximo responsable da institución anunciou a posta en marcha do Rexistro de Licitadores da Deputación e sinalou que 3000 empresas traballan ó ano co organismo provincial O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse este xoves con 35 empresarios da construción encabezados pola xunta directiva e o presidente da APEC, Hipólito Trinidad, co obxectivo de que axilicen ó máximo as obras apoiadas polo Fondo Extraordinario da Deputación que complementará ó Fondo Estatal de Investimento Local. Lembrou que a través desta iniciativa, a Deputación destina preto de 1,5 millóns de euros para financiar actuacións non subvencionables polo Estado. Gómez Besteiro dixo que “foi unha magnífica reunión porque nos lemos o pensamento. Os empresarios si saben do que vai este conto. Temos que conxurarno entre todos para que dos 62 millóns que existen para este fondo se gaste ata o último euro”. Sinalou que este fondo, ademais de ser importante para os construtores tamén o será para os autónomos, que son a principal base da economía da nosa provincia. O titular da Deputación apuntou que “é fundamental a implicación dos axentes socioeconómicos para axilizar a contratación das obras apoiadas polo Fondo Extraordinario da Deputación”, e anunciou que a rolda de contactos continuará cos representantes dos sindicatos e os dos colexios profesionais. Pola súa banda, o presidente da APEC amosou a súa satisfacción polo resultado do encontro. Segundo Hipólito Trinidad, “a nosa preocupación cando estudamos este plan e vimos a importancia que tiña para as pequenas e medianas empresas, era que existen Concellos que posiblemente non estean preparados para tramitar a documentación nos prazos previstos. A nosa agradabe sorpresa é que a Deputación xa se adiantou e que este problema queda solventado.Estou seguro de que con esta iniciativa imos crear postos de traballo”. Primeiras consultas ó Gabinete de Asesoramento O Presidente da Deputación dixo que xa se presentaron 28 consultas, por parte de 18 Concellos, desde que o pasado xoves presentou o Plan Extraordinario ós Alcaldes e Alcaldesas e puxo a disposición dos Concellos un equipo de técnicos para o seu asesoramento. “A maioría son relativas á aplicación e interpretación do Real Decreto Lei, á sinatura dixital e á tramitación do expedente de solicitude e posterior tramitación do expedente de contratación. Plantexan cuestións concretas como, por exemplo, en que data deben ter aprobado o proxecto de cada obra, temas relacionados co financiamento dos contratos de dirección de obra, sobre prazos de licitación e adxudicación, e sobre cal é o órgano competente para aprobar estes proxectos”, apuntou Gómez Besteiro A primeiras consultas chegaron dos Concellos de Castroverde, Begonte, Baralla, Friol, O Saviñao, Sober, Portomarín, Guntín, Becerreá, Láncara, A Potenova, Ourol, Ribeira de Piquín, Sarria, Rábade, Folgoso do Courel, Cervo e Pol. O responsable provincial tamén apuntou que Xunta de Goberno aprobará mañá o convenio-tipo que regulará as subvencións deste fondo Extraordinario ós Concellos e que se asinará con cada un dos Alcaldes e Alcaldesas da provincia. “Este é un asunto que vai fóra da orde do día e polo trámite de urxencia, xa que para nós é prioritario axilizar ó máximo ós prazos, e que os Concellos non perdan nin un só euro”. Presuposto da Deputaciòn e Rexistro de Licitadores Por outra banda, José Ramón Gómez Besteiro avanzou que o Presuposto da Deputación para 2009 será de 142 millóns de euros, incluídos todos os organismos depedentes da Deputación (INLUDES , SUPLUSA, Fundación TIC), e dixo que o documento se debatirá no pleno do 30 de decembro. Ademais aproveitou a reunión cos empresarios da construción para anunciar que a comezos do ano que vén poñerase en marcha o Rexistro de Licitadores Provincial. “Para que teñan unha idea das cifras que estamos a falar quero destacar que 3.000 empresas traballan ó ano coa Deputación”. O máximo responsable da institución dixo que coa creación deste Rexistro perséguense dous grandes obxectivos: En primeiro lugar, axilizar a participación das empresas nas contratacións públicas da administración local en toda a provincia. “Axilizaranse os trámites e reduciranse os tempos necesarios para levar á práctica as obras, plans, actividades e outras iniciativas promovidas por esta institución. Deste xeito mellorarase a calidade dos servizos prestados pola administración local e levarase a cabo unha xestión máis aficaz e eficiente dos recursos públicos”. O segundo obxectivo é fomentar a participación dos licitadores nas contratacións públicas. “Inscribirse neste Rexistro supoñerá un aforro para os licitadores xa que as empresas inscritas non se verán obrigadas a repetir a xustificación documental en cada contrato licitado”. Esto tamén facilitará o traballo da Mesa de Contratación, que axilizará considerablemente a fase de comprobación documental dos ofertas recibidas. “Con este Rexistro incrementaremos a transparencia na contratación”, apuntou Gómez Besteiro. Inscrición voluntaria A inclusión no Rexistro de Licitadores non terá carácter obrigatorio senón voluntario. Tanto a inscrición como a súa renovación e a expedición de certificacións serán totalmente gratuítas. “Pero quero deixar moi claro que o feito de non estar inscritos no Rexistro de Licitadores non supoñerá ningún inconvinte á hora concorrer ós procedementos de contratación. Estas empresas tan só deberán achegar a documentación polo procedemento habitual”. Afectará a todo tipo de contratos administrativos: obras, servizos, subministracións, concesión de obras públicas, xestión de servizos públicos, colaboración entre o sector público e privado ou mixtos, así como ós contratos de carácter privado que en ausencia de normas administrativas específicas, se rexan pola Lei de Contratos do Sector Público. Segundo o Presidente provincial, “o Rexistro facilitará o acceso dos licitadores á contratación coa Deputación Provincial, os seus organismos autónomos e dos Consorcios dos que forme parte o Organismo provincial. Pero ademais, e dentro da política de Cooperación cos Concellos este servizo tamén estará a disposición de todos aqueles municipios que queiran adherirse”.