Deputación de Lugo

O VICEPRESIDENTE PRIMEIRO ANTÓN BAO ANUNCIOU QUE MÁIS DE 700 ENTIDADES CULTURAIS E CLUBES DEPORTIVOS SOLICITARON AXUDAS NA ÁREA DE CULTURA E DEPORTE

O contacto coas entidade culturais e deportivas e unhas bases baremadas e transparentes propiciaron o elevado número de solicitudes

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o aboamento de diversas subvencións deportivas dos anos 2006 e 2007 O Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, informou na habitual rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno do número de axudas solicitadas dentro do plan de subvencións na Área de Cultura e Deporte. Nesta primeira convocatoria de subvencións lanzadas pola Área de Cultura e Deporte o número de solicitudes de axuda foi moi elevado tanto por parte das entidades culturais como das entidades deportivas. O alto número de axudas que solicitaron as diferentes entidades e clubes é froito do traballo previo que se fixo desde a Área de Cultura e Deporte á hora de presentar estas axudas ás entidades nos meses previos á súa solicitude. Segundo o vicepresidente primeiro da Deputación o número total de solicitudes achegouse ás 700. Bao sinalou que “estas cifras dan mostra da importancia cuantitativa e cualitativa do tecido asociativo e deportivo existente nas comarcas de Lugo”. Para estas axudas a Área de Cultura e Deportes ten previsto un total de 1.685.000 €. Os máis de millón e medio de euros destinados ás entidades culturais e deportivas, por unha parte, e, por outra parte, á mellora e creación de infraestruturas e dotacións culturais e deportivas divídense en seis partidas orzamentarias: CULTURA: Actividades do entidades asociativas – 500.000 € Infraestruturas e dotacións culturais para os concellos – 150.000 € DEPORTES: Entidades e clubes deportivos – 650.000 € Instalacións e equipamentos deportivos para os concellos - 185.000 € Gastos correntes de funcionamento de concellos - 100.000 € Actividades e eventos organizados por concellos – 100.000 € Nas liñas destinadas ás asociacións culturais o número de solicitudes é de 440. No eido deportivo hai que salientar que máis de 250 entidades deportivas solicitaron axudas para a realización de actividades competitivas, deportivas ou eventos. En canto ás axudas destinadas a concellos houbo un total de 59 solicitudes para a mellora de instalacións socio-culturais e dotación de equipamentos. No eido deportivo, e para as tres liñas destinadas aos concellos, o total de solicitudes foi de 106. CONTACTO COAS ENTIDADES CULTURAIS E DEPORTIVAS O gran número de solicitudes de axuda, tanto na Área de Cultura como na Área de Deportes, está motivada polo cambio de política á hora de establecer o sistema de convocatoria das axudas e grazas ao traballo previo, realizado pola Área de Cultura e Deportes, de contacto coas entidades deportivas e culturais. Os responsables da Área de Cultura e Deportes da Deputación mantiveran no mes decembro, do pasado ano, xuntanzas coas entidades culturais e deportivas das diferentes comarcas de Lugo para coñecer de primeira man as súas necesidades e suxestións. No mes de xullo tamén se desprazaron ás diferentes comarcas técnicos da Área de Cultura e Deportes para explicarlles aos distintos colectivos as bases que rexen estas axudas. Esta serie de xuntanzas serviu para establecer un contacto directo ao mesmo tempo que se achegaba ás comarcas a información, nun esforzo de descentralización por parte desta área do goberno da Deputación. Estas xuntanzas permitiron recoller na elaboración das bases destas axudas e nos criterios que rexerán a concesión as ideas, suxestións e inquedanzas dos diferentes colectivos que manteñen a actividade cultural e deportiva en Lugo. APROBACIÓN DE CONTAS XUSTIFICATIVAS DE AXUDAS O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, informou, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno, da aprobación do aboamento de 3 axudas a entidades deportivas. Estas axudas suman un total de 6.000 euros e corresponden ao concurso de subvencións para actiifade deportiva do a no 2006. Estas axudas corresponden ás entidades deportivas Agrupación Deportiva Os Castros, Sociadade Val de Lemos e C.I.T. de A Pontenova.