Deputación de Lugo

Antón Bao anuncia un investimento de 240.000 euros para a rehabilitación do campo de fútbol Manel Luna de Pol

O vicepresidente primeiro da Deputación achegouse ata Pol para asistir a un adestramento dos xogadores da S.D. Pol e explicarlles os detalles deste proxecto financiado pola Área de Deporte da Deputación

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, visitou hoxe, venres, o campo de fútbol Manuel Luna en Pol, lugar no que anunciou a próxima redacción do proxecto de rehabilitación da zona de xogo e das gradas deste espazo deportivo. Para coñecer in situ as necesidades dos deportistas e estado do campo municipal, Bao fixo coincidir a súa visita co adestramento dos xogadores Sociedade Deportiva Pol e realizou unha visita ás instalacións acompañado polo presidente da Sociedade Deportiva Pol, Mario González. Tras anunciar a inminente redacción do proxecto, no que a Área de Deporte da Deputación investirá 240.000 euros, o vicepresidente cambiou impresións con xogadores e directivos do equipo de fútbol local para coñecer de primeira man as súas necesidades e opinións sobre as actuais instalacións e o que debe de ser o novo proxecto para o terreo de xogo. Este proxecto materializa o compromiso adquirido pola Área de Deportes e polos nacionalistas para reconstruír e habilitar os espazos deportivos existentes ao longo da xeografía lucense. Ademais de fomentar a práctica desta e doutras disciplinas e axudar a que os deportistas poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións posibles. UN NOVIDOSO SISTEMA DE REGO E GRADAS PARA 2OO ESPECTARODORES As obras de reparación e acondicionamento do campo de fútbol contemplan diversas actuacións encamiñadas a mellorar o terreo de xogo e as instalacións auxiliares. As obras consistirán no nivelado da superficie do terreo de xogo que neste momento ten un importante desnivel entre ámbolos dous extremos, na implantación de céspede co seu correspondente sistema de rego e drenaxe. O novo sistema de rego e drenaxe que se instalará, para acadar un perfecto mantemento do céspede e do terreo de xogo, permitirá reutilizar a auga que se utilice no rego varias veces. Este novedoso sistema de rego levará consigo un importante aforro de auga, sobre todo, nas épocas do ano cuns índices pluviométricos máis baixos. Tamén está prevista a construción de unhas gradas para uns 200 espectadores. As actuais gradas do campo de fútbol de Pol atópanse nun deplorable estado de conservación e non cumpren coas mínimas condicións de seguridade para o público. Ademais as actuais gradas non teñen a orientación idónea para que os afeccionados disfruten da competición dun xeito óptimo. O novo proxecto contemplará a construción de unhas novas gradas que se situarán enfronte das actuais e a continuación dos vestiarios.