Deputación de Lugo

A Deputación leva a TDT ó val de Currelos, no Concello do Saviñao

Imaxe deputación de lugo
Preto de 200 habitantes da zona xa se benefician do sinal de Televisión Dixital Terrestre

A Deputación de Lugo instalou un micro-reemisor de TDT (“gap fillers” ou “enche ocos”) en Currelos, no Concello do Saviñao, para dar sinal da Televisión Dixital Terrestre a este val no que había importantes problemas de cobertura pola súa orografía. Preto de 200 veciños xa se benefician desta medida promovida pola organismo provincial e que ten por obxectivo que as novas teconoloxías cheguen a todos os habitantes da provincia. O micro-reemisor, que xa entrou en funcionamento, ten unha altura de 24 metros. Está situado no Monte de Couto, nunha cota de 625 metros, e ten un alcance máximo de 4 quilómetros. No val de Currelos había importantes problemas de cobertura co sinal analóxico, xa que os veciños non podían ver as canles privadas. Agora a Deputación solventa este problema coa instalación deste micro-remisor, un gasto co que deben correr os municipios, pero que asume a institución provincial dentro da súa política de Cooperación coas Entidades Locais. Para solventar os problemas da cobertura do sinal dixital de televisión nas zonas afectadas, é necesaria a instalación de “gap fillers” ou “enche ocos” en zonas estratégicas. Esta é unha solución como a que se prantexou na zona da Fonsagrada. Estes dispositivos empréganse en lugares cunha orografía complexa para cubrir as zonas de sombra, atendendo así superficies pequenas en áreas de baixa densidade poboacional. Na actualidade, se un Concello quere instalar estes dispositivos debe financialos con fondos propios. A data de 3 de abril de 2010 estes problemas quedarán resoltos, xa que esa é a día da última fase do apagón que corresponde á zona afectada (Lugo, transmisor do Páramo). Sen embargo, ata ese momento, estas poboacións non teñen por que ter sinal dixital de TDT.