Deputación de Lugo

A Deputación acolle as VII Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero

Gómez Besteiro destacou o esforzo que deben facer as institucións e as asociacións para poñer fin a unha lacra social que nos afecta a todos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este luns na inauguración das VII Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero organizadas polo Concello de Lugo e promovidas pola institución provincial. Na súa intervención, Gómez Besteiro destacou que durante esta semana o Pazo de San Marcos convertirase no lugar de encontro de especialistas que debatirán sobre “unha cuestión que nos afecta a todos”. Asimesmo, tamén subraiou que a celebración das Xornadas na institución provincial “é un exemplo do compromiso que manifestamos cando entramos no Goberno de abrir a Institución a todos os lugueses e luguesas”. O máximo mandatario provincial estivo acompañado polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, o Delegado da Consellería de Presidencia en Lugo, Luis Rodríguez Edrosa e a Xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, Arxilia Díaz, entre outras autoridades. Gómez Besteiro sinalou que a violencia de xénero supón un obstáculo para o denvolvemento dunha sociedade democrática e apelou á colaboración entre institucións, entidades públicas e privadas para reducir o número de vítimas. “Os malos tratos constitúen un atentado contra o dereito á vida, á seguridade, á liberdade, á dignidade e á integridade física da vítima. Institucións e asociacións debemos sumar esforzos para coordinar e proxectar unidos un activismo destinado a eliminar a violencia da vida da mulleres. Con estas xornadas que organiza o Concello e promove a Deputación estamos dando o primeiro paso”. A Lei Integral contra a Violencia de Xénero, as políticas de emprego como instrumento para combater os malos tratos, a prevención desde os servizos sociais e desde a atención sanitaria, ou o papel que desempeñan os medios de comunicación neste eido son algúns dos temas que se abordarán nas xornadas que se celebrarán ata o mércores, 26 de novembro, no Pazo de San Marcos. Deste xeito, o responsable provincial subraiou que a misión da Deputación “non só é cooperar cos Concellos prestándolles servizos que por si sós non poden asumir, senón colaborar con iniciativas coma esta que buscan o benestar dos cidadáns”. O programa tamén inclúe proxeccións audiovisuais, un concerto de Diana Navarro no Auditorio Gustavo Freire e o Primeiro Encontro de Mulleres Rurais Emprendedoras que se desenvolverá na Praza de Abastos o sábado 29 de novembro.